A PROPOSTA
Este proxecto naceu coa idea de favorecer o emprego dos espazos exteriores do centro como lugares de xogo e aprendizaxe, dados os beneficios que este tipo de actividades en contacto coa natureza teñen para o alumnado e buscando aproveitar o espazo verde do que se dispón na maior parte do curso escolar, compaxinándoo co xogo sobre o pavimento ríxido.
A idea era buscar o desenvolvemento máximo de todas as capacidades do alumnado, tanto no ámbito físico coma no psicolóxico e emocional, dando valor aos espazos naturais, de xeito que o gusto pola natureza permita desenvolver actitudes ecolóxicas e de protección do medio, valorando a riqueza da nosa terra e paisaxe, a súa flora e fauna, bosques e fragas, etc. Tratouse tamén de diminuír a necesidade de incluír elementos artificiais no xogo, procurando, así, o emprego de elementos naturais ou reutilizados.
Outro aspecto relevante no proxecto era o de fomentar a interacción entre os tres niveis de Educación Infantil, na procura do desenvolvemento de capacidades como a axuda, a colaboración, etc. Por iso propúxose a relación de agrupamentos mixtos para o gozo deste espazo, no que a actividade da nena ou o neno sería o eixo central.
OS OBXECTIVOS
- Fomentar o contacto coa contorna natural.
- Procurar espazos de xogo atractivos que mesturen elementos naturais na creación de estruturas. Deseño e natureza.
- Lograr unha integración de todo o alumnado independentemente das súas características, necesidades ou capacidades físicas e cognitivas.
- Favorecer a cooperación e a axuda.
- Procurar o máximo desenvolvemento posible do alumnado desde unha perspectiva integral: físico, psicolóxico, emocional; nun espazo aberto e de carácter lúdico.
- Favorecer o desenvolvemento dos sentidos por medio do xogo e os elementos naturais.
- Adquirir condutas e actitudes ecolóxicas e de protección do medio.
- Aprender xogando.
AS ACTIVIDADES
Por mor da pandemia da COVID-19 algunhas das actividades propostas inicialmente realizáronse individualmente nos fogares e coa axuda das familias, mais todas elas foron igualmente proveitosas. Poden verse na ligazóns ao blog do centro A maxia dos soños.
O alumnado participou na selección de estruturas e deseño do patio, experimentou a vivencia que supón o xogo dentro de agochos ou cabanas, dado que eran algunhas das estruturas propostas para o patio. Traballou tamén no coidado da contorna e respecto pola natureza, experimentando con elementos naturais e facendo creacións artísticas efímeras a partir deles (auga, luz, vento…).
Unha das estruturas que se puideron montar foi o rocódromo, se ben en ausencia do alumnado, polo que se fixo un vídeo de presentación do mesmo que se pode visualizar na ligazón.