ORIXE DA PROPOSTA
Tras a observación dos espazos de recreo, o claustro do centro chegou á conclusión de que era preciso cambiar a contorna do espazo do patio. A existencia dunha gran variedade de alumnado require dunha variedade de espazos para a mellora da convivencia e a inclusión. Considerouse necesario crear un espazo máis lúdico e con presenza de máis natureza para, deste xeito, fomentar a convivencia, igualdade de oportunidades e resolución pacífica de conflitos.
Elaboraouse unha enquisa por parte dun grupo de profesorado motor e se fixo chegar á maior parte da comunidade educativa (profesorado, familias e alumnado). Interesaba coñecer as propostas máis axeitadas para a mellora da dinámica nos patios, suxestións e ideas.
Os obxectivos a ter en conta foron:
- Crear espazos de fomento da actividade físico-deportiva.
- Potenciar a socialización facilitando a interacción entre todo o alumnado a través do xogo.
- Crear unha contorna que favoreza a aprendizaxe e a vida saudable.
- Facilitar a mediación para a resolución pacífica de conflitos.
DESENVOLVEMENTO
Tras a realización da enquisa e obtención de resultados, organizouse á comunidade escolar (familias, profesorado e persoal non docente) para desenvolver as primeiras tarefas de transformación do patio: arranxar a canalización do areeiro, remover a area e facer unha cabana con material de refugallo.
O alumnado tamén se dispuxo por equipos de traballo para levar a cabo iniciativas de pintado de muros, plantación de sementes ou formación en compostaxe.
Desenvolvéronse, por unha banda, obradoiros de materiais lúdico-deportivos que fomentasen a creatividade e a imaxinación, así como a socialización do alumnado. O alumnado puido coñecer xogos tradicionais e coeducativos, desenvolvendo habilidades coma a cooperación entre iguais, a superación de retos individuais ou a confianza. Por outra banda, desenvolvéronse tamén obradoiros medio-ambientais e de seguridade que fomentasen a creación de espazos estimulantes.
A metodoloxía foi activa e baseada na aprendizaxe por proxectos. As familias que colaboraron quedaron satisfeitas co traballo e reflexaron o seu apoio a través das redes sociais do centro.