Hábitat

Patio de cores

Centro e lugar
CPR Plurilingüe Cervantes. Lugo.
Etapa educativa
Educación Infantil, Primaria
Curso académico
2018-2019 e 2019-2020
Persoa coordinadora
María Teresa Vilanova Rodríguez

A PROPOSTA

O tempo de lecer supón un período da xornada escolar necesario para o descanso e a diversión do alumnado, ademais de constituír un elemento moi enriquecedor, xa que favorece o desenvolvemento de habilidades comunicativas e de interacción social.

Este proxecto partiu dunha inquietude do claustro do profesorado do centro dado que, nos últimos cursos, observou un aumento da conflitividade e do sedentarismo entre o alumnado durante os tempos de lecer. Esta situación precisaba da actuación docente. Para abordar o proxecto, o profesorado do centro asistiu ao Obradoiro de Patios e camiños escolares. Propostas de transformación, organizado por ProxectoTERRA e a asociación Ludantia que se celebrou en Santiago de Compostela en xaneiro de 2019. Ademais, recibiu unha formación presencial sobre Patios dinámicos inclusivos.

Patio de cores é un proxecto que pretende:

  • Dinamizar os recreos e lograr unha boa convivencia a través dos xogos.
  • Coñecer e practicar xogos tradicionais.
  • Gozar do recreo coma momento de relación e convivencia de alumnado e profesorado.
  • Suprimir ou evitar as actitudes agresivas e reducir o risco de disputas, creando un clima de convivencia, cordialidade, cooperación e respecto.
  • Vivenciar os recreos de forma máis participativa e lúdica.
  • Contribuír á socialización do alumnado que ten dificultades para integrarse no xogo e mellorar a relación entre iguais.

A ACCIÓN

O centro conta con dous patios para o recreo, un exterior e outro cuberto. Debido ás inclemencias metereolóxicas o proxecto comezou a executarse no recinto cuberto. Colocouse un horto vertical feito con materiais reciclados (palés e neumáticos) que restaurou o propio alumnado e no que se plantaron diferentes especies. Pintáronse diferentes xogos tradicionais (mariola, tres en raia, xogo do espello,...) tendo en conta as opinións do alumnado e as familias recollidas previamente a través dunha enquisa.

No patio interior deseñouse unha pequena cidade, cunha estrada pintada no chan, que serviría para traballar posteriormente a educación viaria. No segundo ano decorouse a columna central en forma de árbore e deixáronse dúas casiñas de paxaros para que o alumnado deixase os seus libros e contos para intercambiar co resto de nenas e nenos do centro.

O proxecto realizouse en diferentes fases:

  • 1ª Fase: Queremos un patio de cores!
    Presentación do proxecto ao claustro de docentes, ANPA e alumnado.
  • 2ª Fase: A que xogamos?
    Realización de enquisas sobre a preferencia de xogos ao alumnado.
  • 3ª Fase: Como o faremos?
    Deseño da organización do patio e realización dun orzamento dos gastos previstos e busca de axudas económicas.
  • 4ª Fase: Comezo da transformación do patio.
    Pintado dos xogos e colocación dos diferentes materiais nas distintas zonas do patio.
  • 5ª Fase: A xogar!
    Posta en práctica do proxecto e avaliación.

RESULTADOS

O proxecto tivo unha gran acollida por parte de toda a comunidade educativa e foi debido a isto que se continuou durante dous cursos consecutivos. A avaliación realizouse por medio da observación por parte do profesorado no patio do recreo e análise dos datos recollidos, segundo os cales se puido identificar que os obxectivos inicialmente propostos tiveran un alto grao de consecución.

Máis paneis relacionados