Hábitat

Patio vivo

Centro e lugar
EEI Deán Grande, Ribeira
Etapa educativa
Primaria
Curso académico
2019-2020
Persoa coordinadora
Marta Regueira Paz

Patios vivos

Desde a EEI Deán Grande enténdese o patio como un lugar de encontro, socialización e aprendizaxe. Os patios vivos incorporan a natureza e os seus elementos como ferramentas de xogo, achegando a natureza á escola.

Os patios vivos favorecen nas crianzas a súa autonomía, a toma de decisións, as relacións igualitarias de xénero, a creatividade, a liberdade, a confianza, as relacións positivas e tranquilas, o xogo non estruturado e a xestión de risco. Contribúen tamén a que as nenas e nenos xoguen, aprendan, creen, inventen, descubran, respecten, coiden e observen.

Proposta

A proposta consistiu nunha remodelación completa do patio do centro cara un modelo de patio vivo, desenvolvendo unha nova proposta de distribución e zonificación con diferentes ambientes de aula no exterior.

  • Espazo relax: para descansar, leer, conversar...
  • Espazo de xogo simbólico e imitación: para inventar e reproducir situacións fantásticas ou cotiás.
  • Espazo terra: para construír, escavar, manipular...
  • Espazo de creación: para construír e crear libremente con material non estruturado.
  • Espazo dos sentidos: para potenciar a estimulación sensorial.
  • Espazo da ciencia: para potenciar a curiosidade científica.
  • Espazo das artes: para potenciar o desenvolvemento artístico (baile, canto, debuxo...)
  • Espazo da asemblea: para favorecer actividades orais en gran grupo (asembleas, conversas, resolución de conflitos, organización de tarefas...)
  • Espazo de movemento natural: para potenciar o movemento, a coordinación e o equilibrio.

Con esta remodelación do patio pretendeuse acadar diferentes beneficios para os nenos e nenas:

  • Beneficios cognitivos, facilitando o contacto coa natureza no ámbito escolar que mellora o desenvolvemento cognitivo, intelectual e sensorial de nenas e nenos
  • Beneficios emocionais, reducindo o número de conflitos. Un patio vivo é un patio rico en elementos e posibilidades de xogo polo que o alumnado aprende a comunicarse, negociar, compartir, cooperar e coordinarse.
  • Beneficios físicos, facilitando a actividade física (correr, saltar, agocharse, explorar) que proporciona unha condición máis saudable e favorece a relaxación e a aprendizaxe.

Dentro das accións levadas a cabo cabe salientar as lecturas da bibliografía especializada, a organización de reunións da comunidade educativa para o deseño da proposta, a elaboración conxunta do deseño do patio ,zonificando o espazo en diferentes ambientes de aprendizaxe, e a colaboración coa administración local para acadar recursos e posibilitar a transformación do patio.

Máis paneis relacionados