Hábitat

Patios dinámicos

Centro e lugar
IES Moncho Valcarce, As Pontes
Etapa educativa
1º de ESO, 2º de ESO, 3º de ESO, 4º de ESO
Curso académico
2018-2020
Persoa coordinadora
Virgina Alonso San Eloy e Patricia Martínez Leyenda

O entorno escolar

O centro partiu da reflexión sobre como o entorno escolar, incluíndo a comunidade onde se alberga o centro, constitúe un espazo chave no desenvolvemento do alumnado, polas numerosas horas que permanecen nel así coma polo papel que xoga como espazo educativo e de socialización.

Un elemento fundamental deste entorno é o patio escolar. Os elementos que o definen e como están distribuídos inflúen directamente sobre a saúde e o benestar da comunidade educativa, á vez que condicionan enormemente os usos que se poden facer do espazo. Por tanto, desde o centro viuse necesario adecuar os seus patios escolares para convertelos en patios coeducativos, promotores da saúde e favorecedores da convivencia establecendo unha estratexia a longo prazo.

2018-2019

O primeiro curso de proxecto centrouse en diagnosticar as problemáticas, coñecer as necesidades do alumnado e facer pequenas intervencións que melloraran o espazo, segundo unha zonificación previamente establecida. Na diagnose observouse que o emprego do espazo non respondía ás necesidades de desenvolvemento do alumnado e quedaba desligado de toda fin pedagóxica. A zona de lecer restrinxíase a unha pista de fútbol, xerando problemas de convivencia e exclusión. Porén, o patio conta con vexetación típica dun bosque de ribeira, está á beira dun regato e totalmente integrado na paisaxe da contorna. Estas características proporcionaron unha serie de posibilidades para o desenvolvemento do proceso pedagóxico.

Na posta en marcha das actividades participaron docentes de diferentes disciplinas e foron apoiadas polos outros axentes da comunidade educativa, como as familias, asociacións, comercios do concello e a administración local. Pódense destacar a pintura dun mural cooperativo, deseño de novos xogos para dinamizar o tempo de lecer, deseño e elaboración de novo mobiliario para o patio empregando materiais reciclados (bobinas de cable e palés), deseño dun espazo musical, introdución do baile a a música no patio, deseño dun xardín vertical, enquisas, debates e reflexións sobre o futuro do patio.

2019-2020

Da experiencia do curso anterior deduciuse que as pequenas transformacións encamiñadas a recuperar espazos interiores foran moi positivas, polo que se decidiu continuar nesa liña de traballo, ademais de incorporar a mellora da convivencia e a resolución de conflitos entre iguais.

Proseguiuse cunha metodoloxía participativa e colaborativa na comunidade educativa, mantendo reunións e sesións de traballo periódicas. Aproveitouse parte do mobiliario do curso anterior para colocar nun corredor interior e establecer unha nova zona tranquila que comezou a ser empregada polo alumnado máis novo. Este feito puxo de manifesto unha vontade de romper coa distribución tradicional do espazo da planta baixa do centro e propor novos usos. Foron recolocados varios dos xogos de mesa construídos no curso anterior para ofrecer novas alternativas durante o recreo. Ademais, instalouse unha mesa de pimpón empregando mesas sobrantes e unha rede portátil.

Como novas ideas, propúxese a realización de dous bancos da amizade, acompañados polo programa de titoría Entre iguais para xestionar posibles conflitos xurdidos durante os recreos. Tamén se retomou a necesidade de instalar unha zona de relax interior para o edificio da ampliación. O propio alumnado, guiado polo equipo docente, foi lixando e pintando novos palés e bobinas para este espazo. A dinamización do tempo de lecer, recreos activos, sempre estivo presente durante a proposta e foron organizados obradoiros por parte do alumnado, como o obradoiro de danza, a posta en macha dun campeonato de pimpón ou a incorporación de xogos tradicionais como a goma, corda ou mariola dinamizadas polo equipo de orientación.

Durante o terceiro trimestre, no confinamento, mantívose a iniciativa de buscar actividades máis lúdicas, entretidas e motivadoras aliviando a carga de traballo e emocional do alumnado con propostas de ciencia na casa ou diarios de confinamento. A finais do mes de maio, coincidindo coa incorporación de parte do alumnado do proxecto ás clases presenciais, retomouse a idea do banco da amizade, sendo reconvertida nun recuncho da amizade na entrada exterior, aproveitando unha pequena parte do material xa pintado e preparado previamente, que foi adornado con cintas de cores da bandeira LGTBIQ. Tamén se instalou a primeira bandeira da diversidade nunha árbore exterior, iniciando unha liña a continuar en torno a este concepto.

Máis paneis relacionados