Xustificación
Esta proposta partiu dunha necesidade real, a implementación dun proxecto de redeseño do patio escolar para transformar o espazo físico e mellorar a convivencia, dotando ao patio de máis recursos para o lecer. O patio escolar pasou a ser o eixo fundamental do traballo da comunidade educativa durante os últimos cursos escolares.
Esta intervención contou coa participación e colaboración do alumnado, o verdadeiro protagonista destes espazos de sociabilización e aprendizaxe, tanto na toma de decisións como na posta en marcha do proxecto. Para levar a cabo o proxecto contouse cun equipo disciplinar de profesoras e profesores de diferentes materias e niveis educativos.
A proposta
No desenvolvemento deste proxecto anual implicouse un equipo interdisciplinar de docentes das diferentes etapas educativas que previamente participaron en dúas sesións formativas, a organizada polo ProxectoTERRA sobre “Patios e camiños escolares” e ao XVI Encontro InspiraTICs “Paisaxes e espazos de aprendizaxe” onde coñeceron, da man de Siro López, novas propostas de deseño de espazos educativos.
Nun primeiro momento informouse á comunidade educativa do inicio do proxecto. Máis adiante, durante o verán de 2018 realizáronse unha serie de melloras no patio escolar: dotouse de pavimento pulido ao recinto, retiráronse as beirarrúas, perimetrouse e acolchouse o parque infantil… Unha vez acondicionado o espazo, comezou o proceso de zonificación contando coa participación do alumnado. Nesta fase o profesorado participante recibiu as preferencias de uso e adicación dos espazos do patio escolar a través de enquisas e traballo cos planos do centro, onde sinalaron as súas preferencias.
2018-2019
Entroido. O alumnado de Infantil e Primaria disfrazouse da temática “patio escolar” (twister, parchís, bolos, a roda).
Mostra de arte urbano. Contouse coa presencia de dous grafiteiros que formaron ao alumnado na materia de Educación Plástica e Visual e realizaron unha mostra no centro.
Melloras e restauración dalgúns elementos do patio por parte do Concello de Baiona.
Creación dun novo espazo para a aprendizaxe dotado de mesas de pícnic por parte do alumnado de 2º da ESO, no que se estableceu unha zona para falar, merendar, xogar a xogos de mesa, ler ou outras actividades tranquilas.
Xornada de apadrinamento lector. O alumnado de Secundaria mostraba as súas habilidades lectoras ás crianzas máis novas.
Dinamización do patio. O alumnado de 4º de ESO guiaba un obradoiro de xadrez para o alumnado de Primaria coa fin de propoñer novas alternativas durante o tempo de lecer.
Creación de mobiliario e xogos de madeira. O alumnado de 2º e 3º PMAR recibiu un obradoiro por parte dun carpinteiro local e dotou ao patio de novos elementos realizados en madeira: bancos corridos, maceteiros, cociniña, cabana-rocódromo…
Obradoiro mural coletivo. O alumnado de 4º da ESO, da materia de Educación Plástica, Visual e Audiovisual, elaborou un mural colectivo no que puxo de manifesto os seus coñecementos sobre os recursos expresivos e comunicativos que proporcionan as distintas técnicas gráfico-plásticas.
Semana do patín e do patinete. Coa finalidade de promover hábitos de vida saudables, durante unha serie de recreos o alumnado do centro mostrou as súas dotes sobre os seus patíns.
2019-2020
Tras as actuacións acometidas durante o primeiro curso, decidiuse continuar coas liñas iniciadas mantendo o mesmo enfoque disciplinar e participativo. Durante este curso cobrou importancia a conservación do medioambiente e a reciclaxe.
- Deixar como fixa a zona do patio norte como zona de patín os días habilitados para dita actividade. Facer un aparcamento para os patíns.
- Acordouse non segregar ao alumnado por idades, senón por actividade. Todos os participantes están de acordo en que o patio debe dar cabida a todo o alumnado. É un tempo libre para que todos o gocen, pero non todos o fan do mesmo xeito, por iso é importante ter espazos para todas as persoas. A idea é ofrecer alternativas variadas.
- Ponse en marcha a idea “Merenda cero lixo”. O centro desta proposta é facer que o alumnado xere o menor lixo posible en forma de plásticos. As ferramentas para traballar esta iniciativa son as seguintes: elaboración de carteis, folletos, aviso por Abalar ás familias, colocar carteis nas aulas, explicación nas titorías da iniciativa.
- Decídese a elaboración de folletos informativos para concienciar ao alumnado da necesidade de protexer o medio ambiente. Suxírese un formato cun semáforo en vertical, con explicación das medidas a adoptar. Elaborarase un modelo inicial para que o grupo poida discutir e aportar ideas.
- Proponse a constitución dunha “Ecopatrulla” formada polo propio alumnado, as súas funcións poderían ser as seguintes: velar pola limpeza do patio, rexistrar incidencias, informar, levar algún distintivo ou chaleco... O punto débil da proposta está no control e na formación da propia patrulla.
- Suxírese un deseño de remodelación da cerca oeste, onde poderían colocarse de forma alternativa un banco e unha xardineira, para plantar: árbores de froita en espaleira, plantas rexas que precisen pouco coidado, trepadoras...
- Colocarase unha fonte en cada un dos patios cubertos.
- Colocarase unha reixa ao longo da zona que limita coa granxa anexa ao centro.
- Píntanse os patios cubertos de forma permanente. Os xogos son: unha mariola, un circuíto de chapas, un twister, unha diana e un tres en raia. Úsase pintura acrílica ou plástica.
- Adquirense dúas mesas máis de picnic. Encárgase desta actividade o alumnado de 2º de ESO. Este mesmo alumnado vernizará as xa presentes.
- Tras a necesidade dunha marquesiña no interior do centro, de colocación obrigatoria imposta pola administración, decídese o seu emprazamento.
- Colocaranse diferentes colectores: papel, plásticos, vidro e orgánico no recinto escolar. Realizarase unha solicitude a Ecoenves. Habilitarase unha illa no centro para emprazar ditos envases.
- Difundirase entre o alumnado, a través do profesorado titor e carteis, diferentes ideas sobre as características dunha merenda saudable.
- Difúndese información sobre Dolores Agrelo, a muller que cedeu os terreos no que está edificado o centro escolar (B.O.E. do 22 de abril de 1954). Tras escoitar dita testemuña acórdase realizar unha representación plástica enxalzando a este personaxe que dá nome á rúa na que se atopa o centro.