Paisaxe e territorio

A evolución dun hábitat

Centro e lugar
IES Ponte Caldelas, Ponte Caldelas
Etapa educativa
3º de ESO
Curso académico
2015-2016
Persoa coordinadora
Emilio García Lorenzo

O IES Ponte Caldelas leva participando de xeito continuado no proxectoTERRA desde o curso 2009-2010 integrándoo dentro do currículo de Xeografía e Historia en 3º da ESO e centrándose no desenvolvemento da súa unidade Identidade Territorial, pero ampliando os seus contidos con accións propias que a enriquecen e complementan.

Nesta ocasión, propúxose unha mirada sobre a súa contorna, concretamente sobre os concellos de Fornelos de Montes, A Lama e Ponte Caldelas para observar o seu pasado, a súa evolución a través do tempo e que restos permanecen hoxe en día.

PROPOSTA

Partiuse da idea de que a paisaxe e o hábitat non se observan unicamente na realidade física máis inmediata, senón que deixan unha pegada na vida das persoas que o habitan. Por esta razón, propúxoselle ao alumnado unha investigación histórica por medio de estudo de documentación específica. As fontes documentais seleccionadas foron o Catastro do Marqués da Ensenada de 1753, as Respostas Xerais ao Interrogatorio de 1749 e o Libro Real de Legos dunha serie de parroquias e lugares que permitisen a observación da vida da poboación, os seus oficios, as súas casas e veigas.

Esta información foi complementada co diálogo coas súas familias, especialmente con avoas e avós, ou persoas maiores referentes nas súas comunidades como mellores relatoras dos datos que estaban a conseguir.

EVOLUCIÓN

O alumnado iniciou o estudo e transcrición dos interrogatorios dos lugares onde vivía e comprobou por si mesmo como eran as súas parroquias, mediante os apeos e as descricións pormenorizadas das veigas (as dimensións, os cultivos, a gandaría que pacía nelas) aprendendo por tanto, da alimentación dos seus antepasados. Así mesmo, coñeceron as súas vivendas, que dimensións tiñan e o seu estado de conservación. Deste xeito, o alumnado tomou contacto con realidades descoñecidas até ese momento como as medidas en ferrados, varas de Burgos ou cuncas; coas antigas demarcacións territorias e xurisdicións que deron paso aos concellos modernos; cos nomes da veciñanza e as coincidencias cos seus apelidos e finalmente, cos oficios, artesanías e industria que conformaban esa realidade que esmorece.

O alumnado tamén recibiu unha introdución aos Sistemas de Información Xeográfica para comparar fotografías dos espazos ao longo do tempo empregando o Voo Americano de 1957. Observaron cambios na paisaxe, na utilización do territorio, ollando como as aldeas incomunicadas con solo agrícola explotado intensivamente deixaban paso as aldeas baleiradas nas sucesivas ondas migratorioas que dirixiron ás comunidades destas bisbarras a cidades galegas coma Vigo e Pontevedra ou a destinos internacionais coma Salvador de Bahía, Ciudad de Mexico ou Berna.

Acharon tamén cambios a nivel territorial, tanto na explotación dos montes, pasando de monte raso á plantación de eucaliptos e piñeiros, coma na xestión das augas, muíños transformados en centrais eléctricas ou nos camiños que deron paso á proliferación de estradas e grandes infraestruturas.

Ao finalizar o proceso o alumnado reflexionou sobre o acontecido no espazo, tendo que transformar os seus pensamentos en textos escritos, comprendendo o significado do redactado e poñendo en valor o aprendido en comparación cos estándares actuais. Posteriormente sería o encargado de trasladar e divulgar o proxecto nas súas propias casas, aldeas e vilas.

Máis paneis relacionados