Paisaxe e territorio

A paisaxe de Ames

Centro e lugar
IESP de Ames, Ames
Etapa educativa
2º de ESO, 3º de ESO
Curso académico
2017-2018 a 2019-2020
Persoa coordinadora
Sabela Cobas Fernández

A proposta

A minuciosa e detallada proposta realizada no IES Plurilingüe de Ames expuxo unha investigación integral sobre a paisaxe de Ames e a súa contorna desde o nivel macroespacial até a cultura material, percorrendo diferentes épocas históricas en varios cursos escolares co fin de documentar o seu patrimonio paisaxístico, poñelo en valor, ofrecer propostas para a súa conservación e divulgar os resultados da investigación. Para isto empregouse unha metodoloxía activa, participativa e cooperativa coa colaboración de diferentes departamentos do centro escolar.

Cómpre sinalar que o alumnado do centro non ten vínculos identitarios fortes co municipio posto que a gran maioría carece de avós e avoas da zona e tampouco adoitan ter relación con xente maior do seu contorno. Con este achegamento á súa paisaxe pretendeuse a creación de lazos emocionais entre o alumnado e a comunidade do lugar, poñendo en valor o local dentro dun mundo cada vez máis globalizado.

Ames medieval

Nun inicio levouse a cabo unha investigación sobre a paisaxe da Idade Media en relación co contexto medieval europeo, a través de diferentes accións divididas en tres grandes etapas coincidentes co desenvolvemento do curso.

  • Primeiro trimestre. Levouse a cabo a presentación do tema e a metodoloxía de investigación, a introdución aos elementos xeográficos e territoriais deste e a preparación do traballo de campo. Neste trimestre o alumnado analizou as características físicas do val da Amaía e a súa división territorial durante a Idade Media.
  • Segundo trimestre. Levouse a cabo o groso do traballo de documentación da paisaxe e dos elementos da Idade Media e o procesamento, sistematización e análise destes datos. Realizáronse os seguintes pasos na investigación: baleirado bibliográfico, recollida de información oral, traballo de observación e documentación de campo, segunda revisiónbibliográfica á luz do observado en campo, análise e primeira elaboración de resultados.
    Comezouse cunha aproximación global ao val da Maía como zona de comunicación entre Iria Flavia e Santiago de Compostela e foise estudando máis polo miúdo esa paisaxe tendo como elementos de referencia os dous camiños que pasan pola contorna: o Camiño Portugués e o Camiño a Fisterra e Muxía. Documentáronse elementos materiais (parroquias, priorados, capelas, cruceiros e petos de ánimas, castelos e pazos, lugares de enterramento, sartegos, esculturas, etc.), infraestruturas (pontes e camiños reais), elementos inmateriais (topónimos e lendas) ou axentes (veciñanza).
  • Terceiro trimestre. Elaboráronse os resultados finais e fixéronse públicos para toda a comunidade educativa os resultados da investigación sobre a paisaxe de Ames. A este gran traballo sumouse a contextualización da Idade Media de Ames no contexto europeo con actividades máis lúdicas, ao tempo que educativas, no marco da Historia Experiencial.
  • Roteiro polo Ames medieval. Logo de rematar a investigación sobre Ames medieval, os alumnos e alumnas deseñaron un roteiro colaborativo dun día que incluíse toda a paisaxe analizada e os diferentes elementos estudados. Este roteiro, que combina tramos a pé e tramos en autobús, foi guiado polo propio alumnado compartindo deste modo o aprendido.
  • Festa medieval. Usando a metodoloxía de Living History levouse a cabo unha festa medieval na que participou simultaneamente todo o alumnado involucrado no proxecto. Esta festa foi previamente traballada na aula mediante investigación sobre gastronomía, ambientación, roupa, música, xogos e deportes e danzas, e nela incluíronse as tres culturas existentes na Península Ibérica naquela época.
  • Obradoiro de danza medieval. Seguindo coa metodoloxía Living History, os alumnos e alumnas foron introducidos ás características da danza medieval e ao seu valor social na época; así aprenderon a bailar un branle. O obradoiro foi levado a cabo pola experta de danza antiga, Loli Fojón, directora da Academia LoDanzas, e nel o alumnado recreou unha das poucas danzas da época das que se conserva rexistro. Con esta actividade pretendeuse dar un papel protagonista á danza como elemento patrimonial e como recurso pedagóxico, pois é un elemento do patrimonio inmaterial difícil de documentar e, por tanto, máis esquecido ca outros. Ademais, no ámbito educativo adoita ser relegado fronte outras artes.
  • Blasóns e apelidos. O alumnado estudou un dos seus apelidos e o blasón correspondente ao mesmo, debuxaron e recurtaron o seu escudo e sacáronse unha foto amosándoo. Por outra banda, na aula realizouse un obradoiro de caligrafía gótica no que o alumnado escribiu o apelido correspondente ao seu blasón. Tanto os blasóns como os apelidos escritos en caligrafía gótica formaron parte dunha exposición titulada Medievalízate e localizada na entrada do centro.
  • Cantigas medievais contemporáneas. O alumnado escribiu poemas de temática contemporánea, mais ao estilo das cantigas medievais. Ao rematar, dobraron os documentos e seláronnos con lacre. Finalmente foron abrindo os poemas e compartíndoos co resto da clase e da comunidade educativa. Un dos aspectos que máis chamaron a súa atención foi o tempo que tiñan que agardar para que se fundise o lacre, o que os axudou a ter que planificar o seu traballo dun xeito diferente ao anticipado para poder rematar a actividade no tempo dispoñible.
  • Liña cronolóxica da Idade Media. O alumnado estudou diferentes eventos cronolóxicos da Idade Media e explicounos coma se fosen novas xornalísticas. Estes eventos foron introducidos no blog O corredor do tempo con contido incrementado posteriormente. Esta actividade realizouse en colaboración co profesor de Música Xoán Xil.

Ames moderno

Nunha segunda etapa abordaron a Idade Moderna dividindo o proxecto en tres partes coherentes entre elas.

  • Investigación directa sobre elementos da paisaxe. Realizouse unha análise da paisaxe cultural da Idade Moderna en Santiago de Compostela a través do estudo de fontes secundarias e saídas de campo á capital de Galicia que finalizaron co deseño e organización dun percorrido histórico de orientación. Con esta acción púxose en marcha unha iniciativa innovadora na que por primeira vez se deseñou unha carreira de orientación en relación a elementos do patrimonio e da paisaxe, na que os adolescentes participaron activamente en todas as súas etapas. Este traballo permitiu, ademais, a colaboración coa Asociación Correr e Pensar e a realización dunha investigación no marco dun programa internacional como é o European City Race.
  • Investigación interxeracional sobre a a paisaxe en relación coa toponimia. Combinouse a investigación directa sobre a paisaxe coa metodoloxía de aprendizaxe interxeracional, dado que eran as familias e a veciñanza as que guiaban ao alumnado na análise da microtoponimia coma elemento inmaterial dentro da paisaxe. As alumnas e os alumnos participantes recolleron cadanseu microtopónimo, xeolocalizárono, rexistrárono fotograficamente, gravaron a pronuncia do microtopónimo por parte do informante, documentaron os elementos naturais e antrópicos relacionados co microtopónimo, as actividades e lendas asociadas e os cambios e continuidades no microtopónimo no seu contorno. Fixeron unha valoración patrimonial da conservación do microtopónimo e da contorna na que se enmarca e realizaron propostas para a súa conservación.
  • Investigación experiencial sobre personaxes históricos da Idade Moderna. Os personaxes históricos foron asignados por parellas ao alumnado, mais sen desvelar en ningún momento quen estaba detrás de cada personaxe. Despois de investigar sobre a parella de personaxes, cada persoa púxose na pel do seu personaxe e escribiu unha carta ao outro personaxe adxudicado. Ademais, cada persoa realizou unha recreación dun retrato orixinal do seu personaxe asignado. Ao final da actividade cada quen puido saber quen estaba detrás do personaxe histórico que lle escribía, introducindo así un compoñente lúdico e de misterio nunha reinterpretación histórica do xogo do amigo invisible. Con este traballo, aprenderon sobre personaxes históricos do mundo da arte, as letras, a música, a danza, a política, a ciencia, etc., sobre o seu contexto histórico no marco da Idade Moderna e tamén sobre elementos da cultura material da época e aspectos de lingua e estilo. Este traballo foi realizado durante a etapa de confinamento máis estrito durante o ano 2020, polo que as alumnas e alumnos fixeron un gran traballo de imaxinación e creatividade, para poder recrear os retratos orixinais empregando só aquilo co que contaban en casa.

Os múltiples resultados textuais, fotográficios, audiovisuais e cartográficos de todo o traballo realizado están dispoñibles de xeito permanente no museo virtual KaleidoScapes elaborado como parte dun proxecto independente en colaboración co Instituto de Ciencias do Patrimonio. Os resultados da sección Sustainaible landscapes e a maioría dos resultados da sección Geography an History of Ames están vencellados ao ProxectoTERRA.

Máis paneis relacionados