A imaxe
Vivimos rodeados de imaxes. A constante e inagotable revolución tecnolóxica fixo posible unha evolución dos nosos dispositivos até un ámbito de inmediatez e accesibilidade totais. A imaxe construíu así as súas propias estruturas lingüísticas que se entrecruzan con outras estruturas verbais e chegan a crear novos códigos aínda por definir que codifican e establecen a nosa percepción do real. Este contexto esixe, porén, clarificar o sentido das imaxes que nos rodean e identifican xa que, como explica Jose Miguel G. Cortés, “vivimos rodeados de pantallas, pero hai que aprender a miralas, necesitamos construír as imaxes”.
Con este afán, e ao fío doutras experiencias previas no contexto didáctico das ciencias sociais na educación secundaria, xurdiu a necesidade de recobrar a orixinalidade e utilidade das imaxes máis próximas, aquelas fotografías realizadas no espazo psicoxeográfico da familia.
Os arquivos familiares
A partir dos arquivos familiares do alumnado de 2º de ESO xeráronse imaxes que falaban das transformacións paisaxísticas dos lugares onde viven e medran cada unha das alumnas e alumnos. Os lugares onde foron tomadas as fotografías localízanse en distintas parroquias dos concellos de O Incio, Paradela e Sarria en maio de 2016.
A formalización da experiencia concluíu coa realización dunha fotografía realizada coa técnica da refotografía que consiste en repetir unha mesma toma para captar, deste xeito, as modificacións que se perciben nun determinado ciclo cronolóxico. Ademais da imaxe, incluíuse un pequeno texto argumentando os cambios ou aspectos reseñables entre os dous espazos (pasado e actual) que amosaban as fotografías.
A experiencia foi avaliada dentro da estrutura curricular da materia de Xeografía e Historia e formou parte da calificación final. Tras unha serie de sesións previas e indicacións técnicas todo o alumnado do grupo realizou o seu propio traballo con carácter individual ou por parellas.
Os obxectivos da experiencia foron os seguintes:
- Desenvolver no alumnado un sentido crítico cara o uso das imaxes, establecendo repertorios visuais vinculados ao seu espazo físico e familiar.
- Analizar as características da paisaxe urbana e rururbana no seu contexto xeográfico.
- Aumentar a atención privilexiando aspectos como a observación consciente, a investigación, a toma de decisións ou a esixencia persoal.
- Introducir ao alumnado na noción do arquivo visual e o feito de tomar as imaxes como obxectos lingüísticos con densidade significativa.
- Por en valor os procesos artísticos como instrumentos básicos das dinámica da aprendizaxe fóra e dentro da aula.
A experiencia, tomando estes obxectivos, tiña unha finalidade clara: buscar e desenvolver unha nova proxémica coas imaxes e co propio espazo no que habitamos, posibilitando unha conciencia crítica en ambas direccións. Na exposición preséntanse os traballos realizados polo alumnado baixo as seguintes premisas, están na lingua orixinal que escolleu cadaquén e as imaxes orixinais non foron retocadas nin manipuladas.
Para finalizar, a experiencia foi valorada polo propio docente coa intención de poder ampliar e consolidar o uso da fotografía como instrumento de aprendizaxe na materia de Ciencias Sociais. Esta experiencia foi útil para validar a idoneidade de procesos de creación artística e visual coma factores didácticos básicos. Desta maneira, poderíase implementar a alfabetización visual coma código de aprendizaxe integral e a creación artística/visual coma instrumento didáctico de primeira orde. Nun contexto onde os desafíos educativos esixen novas interpretacións do sistema de aprendizaxe convencional, o horizonte de expectativas que estimulou esta experiencia pódese articular como principio de acción e/ou promesa de esperanza.