As actividades complementarias xorden como espazo de sinerxía e oportunidade entre o ProxectoTERRA e entidades aliadas que comparten o interese común de achegar os seus contidos sobre hábitat, arquitectura, urbanismo, paisaxe ou territorio ás aulas, a través de experiencias dun día que complementen os programas educativos dos centros.
O dereito ao hábitat. Arquitectura Sen Fronteiras.
Debido a un interese común na forma de entender a arquitectura integrada no territorio xorde a colaboración entre Arquitectura Sen Fronteiras e o ProxectoTERRA. Materialízase no asesoramento sobre instrumentos didácticos, na realización de obradoiros entre o profesorado e o voluntariado da organización e na proposta común dun programa para o Plan Proxecta desde o ano 2015 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria baixo o tema Dereito ao Hábitat.
Como complemento a este programa, ofreceuse a impartición da Unidade Didáctica Dereito ao Hábitat elaborada pola cooperativa galega Hábitat Social e dinamizada por Arquitectura Sen Fronteiras. O seu obxectivo é motivar a reflexión do alumnado en torno ao hábitat como un sistema complexo de situacións que debe construírse colectivamente e ao que todas as persoas teñen dereito.
Neste sentido, a transcendencia de dispoñer dun hábitat onde todas as persoas poidamos conseguir un óptimo desenvolvemento tanto a nivel individual como colectivo ou a necesidade de formar unha cidadanía crítica, consciente e activa, son motivos suficientes que xustifican a súa inclusión no programa.
O traballo de campo realizado polo alumnado incide na relación entre o hábitat e a experiencia persoal de cada alumna ou alumno, na procura de percepcións e identificacións particulares. En esencia, o resultado será unha cartografía colaborativa da relación sensible entre o hábitat e o grupo da aula. Posteriormente tratarase de por en común e xustificar o material realizado así como abrir un espazo de debate no que se poidan relacionar ideas e intercambiar opinións en torno ao concreto, coa cartografía elaborada coma soporte para coñecer as diferentes visións do alumnado, segundo sexa o contexto que habita.
Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do territorio, coida do teu.
Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.
A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, adscrita á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda é un organismo autonómico que desenvolve unha labor directamente relacionada co medio físico, en especial con aquel menos urbanizado e merecedor de protección coa finalidade de recuperar o seu estado natural e orixinario.
A Axencia colabora co ProxectoTERRA desde o ano 2017, propoñendo un proxecto lúdico-educativo para nenas e nenos relacionado co coñecemento do territorio de Galicia.
O obxectivo principal da acción é sensibilizar, concienciar e divulgar en relación ao medio e á intervención e ordenación do noso territorio.
Comprender a complexidade do territorio e da paisaxe e aprender dos elementos que os compoñen é fundamental para que as sociedades actual e futura realicen un uso responsable e sustentable do territorio.