O alumnado de 3º de ESO do IES Praia Barraña participou por sete anos consecutivos no ProxectoTERRA. Así, puido coñecer e concienciarse sobre a importancia do valioso patrimonio ambiental e cultural galego e da necesidade de coidalo e protexelo para asegurar que poidan disfrutalo tanto as xeracións actuais coma as futuras.
Os obxectivos que o alumnado do centro acadou co desenvolvemento destes proxectos foron moitos. Aprendeu a traballar con fontes de información primaria, así como a valorar o coñecemento non académico que lle poden proporcionar as persoas da súa contorna. Empregou as novas tecnoloxías para documentar os elementos estudados e para presentar os resultados. Aprendeu a valorar a importancia do patrimonio na súa totalidade e a relación entre os diferentes elementos dese patrimonio, así como a velos como elementos dinámicos e non como simples elementos da paisaxe ou coma restos do pasado. Conseguiu ver a relación entre os contidos que se imparten na aula e a realidade que os rodea e desenvolveu valores para a convivencia, o respecto e a vida en relación ao grupo e a toda a comunidade educativa: tivo que desenvolver técnicas de traballo en grupo (identificación de responsabilidades, cumprimento de prazos, distribución de tarefas) e tamén de coavaliación (realización de críticas construtivas, aceptación de correccións, xustificación das opinións). Tamén foi un reto ter que presentar o seu traballo para o resto de compañeiras e compañeiros do centro.
O PATRIMONIO DA NOSA CONTORNA: TESOUROS ESPALLADOS NA PAISAXE
No curso 2012-2013, cando comezou a participación no Plan Proxecta, o traballo desenvolvido relacionado co ProxectoTERRA foi A arquitectura popular, que se vinculou ao proxecto titulado O patrimonio da nosa contorna: Tesouros espallados na paisaxe. O ámbito traballado abrangueu o achegamento do alumando ao patrimonio material e inmaterial de Boiro, á valoración e respecto do mesmo e ao desenvolvemento dunha implicación activa na súa protección e conservación. Incluíu unha investigación sobre o patrimonio ambiental, un traballo de historia oral sobre os oficios tradicionais e a súa relación co medio, unha investigación sobre o patrimonio construído e unha actividade de conclusión titulada Feira de turismo sostible.
Na avaliación inicial observouse que, fóra dalgúns elementos concretos como a ría de Arousa ou o Pazo de Goiáns, o alumnado tiña en moi pouca estima ou mesmo desprezaba o patrimonio da súa contorna. Na avaliación realizada a fin de curso observouse un cambio da actitude do alumnado valorando o propio, amosando perspectiva crítica e vontade de contribuír a crear unha realidade mellor.
Traballouse a unidade didáctica Arquitectura popular de ProxectoTERRA previamente á realización do intercambio territorial a Allariz. Ademais, o alumnado leu, comentou e debateu a banda deseñada A Mansión dos Pampín, de M.A. Prado.
O primeiro paso consistiu na exploración do patrimonio ambiental da contorna, coa actividade Concurso de fotografía Outono en Boiro. O estudo do medio e o patrimonio inmaterial realizouse por medio da investigación sobre os oficios tradicionais, empregando coma metodoloxía a historia oral e elaborando un vídeo cos resultados. Como era de esperar nunha vila mariñeira coma Boiro, as máis das persoas entrevistadas falaron do mar.
Seguidamente, o alumnado analizou o patrimonio construído a través da fotografía e documentación de información, e finalmente presentou de xeito lúdico todo o aprendido no que se denominou a Feira do turismo sostible, mediante un formato de postos de información coas súas propostas. Polo seu carácter social, esta actividade foi moi importante para consolidar os coñecementos aprendidos e para valorizar o patrimonio propio. Todo o alumnado se implicou moito, con propostas moi creativas e orixinais.
O MAR COMO PUNTO DE ENCONTRO
No curso 2013-2014, O mar como punto de encontro, fixo referencia á conexión entre diferentes aspectos, ás veces contraditorios, que conforman a percepción que o alumnado ten do mar: materia de estudo na aula e parte da súa vida cotiá; ecosistema natural e recurso económico; lugar de traballo e lugar de lecer; ameazador e ameazado, punto de encontro e de separación, etc.
O proxecto desenvolveuse ao longo do curso, de xeito transversal ao desenvolvemento das materias e nel combináronse traballos a longo prazo e actividades máis puntuais que se ían desenvolvendo á medida que se trataban aspectos do curriculo: o mar como ecosistema natural, o mar como fronteira, o mar como recurso económico ou o mar como elemento cultural.
Primeiramente realizáronse as actividades relacionadas coas características medioambientais do mar:
- O intermareal, que permitiu o achegamento do alumnado ao mar como ecosistema natural por medio da visita a diferentes praias e recollida de diferentes elementos do espazo natural, a elaboración de cadeas tróficas nun acuario de auga de mar ou a clasificación e análise dos elementos recollidos, ademais do propio coñecemento das praias da contorna.
- Mar de novas, unha actividade de recollida e análise de novas sobre o mar, que duraría todo o curso e permitiu identificar algúns patróns de regularidade nas publicacións, sobre as temáticas máis comúns ao longo das diferentes estacións.
No segundo trimestre traballouse en aspectos culturais e sociais relacionados co mar: realizáronse entrevistas e fotografías:
- Mareantes, foi unha actividade de fotografía na que o alumnado afondou no estudo das características da costa tanto naturais coma modificadas polo ser humano.
- Obxectivo: costa, o alumnado fixo entrevistas e recolleu testemuños orais de diferentes persoas da súa contorna sobre a súa relación co mar. Puideron aprezar unha diferenza xeracional, segundo a cal relacionábase o mar con actividades produtivas ou co eido do lecer.
- Os perigos do mar e o mar en perigo, actividade mediante a cal se analizaron os aspectos negativos da relación entre o ser humano e o mar. Por unha banda, fíxose a análise de diferentes eventos naturais que son considerados polos seres humanos coma catastróficos e, por outra, o alumnado analizou as amezas máis importantes para o ecosistema mariño e identificou as especies máis ameazadas polos excesos do ser humano.
Na terceira avaliación levouse a cabo a actividade de recollida de palabras relacionadas co mar Batea de palabras e traballouse na presentación dos resultados obtidos nunha exposición de fin de curso.
TRADICIÓNS E COSTUMES NOS BARRIOS E PARROQUIAS DE BOIRO
O proxecto levado a cabo no curso 2014-2015 deu paso á analise, por unha banda dos barrios e parroquias do municipio no que se sitúa o instituto e, por outra, ao estudo das tradicións e costumes de Galicia. O eixo desta proposta referencia foron as entrevistas orais.
Boiro está dividido en oito parroquias: Lampón, Cures, Macenda, Bealo, Cespón, Abanqueiro, Castro e Boiro. Recolleuse información de todas estas parroquias.
Identificáronse cambios e continuidades tanto espaciais como cronolóxicas. As maiores diferenzas espaciais atopáronse entre a costa e o interior, xa que as tradicións, costumes e prácticas sociais na costa xiran arredor do mar, mentres que nas zonas interiores fano arredor da agricultura e a gandería; mais tamén se identificaron elementos comúns a todas as parroquias (celebracións, a existencia de refráns vinculados co clima e as condicións atmosféricas, os antropónimos ou as crenzas que mesturan elementos pagás e elementos relixiosos). Tamén se atoparon variacións dentro de barrios da mesma zona.
As diferenzas cronolóxicas foron analizadas a gran escala (desde a Prehistoria até a actualidade) mais tamén nunha escala menor, dentro da época contemporánea a través de catro xeracións (bisavoas e bisavós, avoas e avós, nais e pais, e nenas e nenos). En ambas escalas aprezáronse tanto diferenzas (patrón de poboamento, nas prácticas sociais, nos oficios) coma similitudes (conservación de celebracións, aínda que modificadas).
O obxectivo xeral do proxecto, sobradamente acadado, era que o alumnado coñecese a interrelación entre o ser humano e o medio, e a importancia que esa relación ten na formación dunha identidade territorial, tomando coma referencia o seu contorno máis próximo e relacionándoo cun contexto global.
Nunha primeira parte de aproximación á temática de estudo, realizouse a actividade Remuda de nomes, sobre a evolución dos antropónimos máis comúns, coma exemplo de tema de investigación e das súas posibilidades de análise espacial e temporal. Seguidamente comezouse a traballar na aula con metodoloxía e ferramentas de traballo de campo. No segundo trimestre desenvolveuse o traballo de campo consistente na realización das entrevistas por parte do alumnado, coa conseguinte sistematización, tratamento e análise da información recollida. Por último, cara á fin de curso expuxéronse na aula e compartíronse opinións e comentarios e, por último, realizouse a exposición no centro.
DEREITO AO HÁBITAT: CONSERVACIÓN SOSTIBLE DO PATRIMONIO DE BOIRO
O proxecto Dereito ao hábitat: Conservación sostible do patrimonio de Boiro desenvolvido no curso 2015-2016 consistiu na análise do patrimonio coma parte integrante do hábitat e o deseño de propostas para a súa conservación no marco do desenvolvemento sostible, quer desde o punto de vista medioambiental, quer desde o punto de vista social.
A investigación consistiu no estudo por parte do alumnado do patrimonio cultural existente na súa contorna e na proposta de medidas de conservación dese patrimonio no marco do desenvolvemento sostible co fin de mellorar o hábitat de Boiro.
O concepto de Patrimonio fixo que todas as materias do curso estivesen representadas a través das áreas coñecidas tradicionalmente como patrimonio natural, patrimonio material e patrimonio inmaterial.
O traballo dividiuse en tres grandes fases, coincidentes cos tres trimestres:
1º Trimestre. Levouse a cabo a familiarización co tema de investigación, a explicación do concepto de Patrimonio desde unha perspectiva abstracta baseada na ferramenta de modelado conceptual CHARM e no concepto de paisaxe cultural, a explicación da metodoloxía de investigación que ía seguir o alumnado e a preparación do traballo de campo. Este traballo comprendeu:
- Unha avaliación inicial dos coñecementos sobre patrimonio cultural.
- Presentación sobre patrimonio cultural na que se combinaron explicacións teóricas con casos prácticos, coa participación do alumnado.
- Primeira fase da investigación, coa identificación na contorna do alumnado dun elemento para analizar se se podía considerar patrimonio ou non e se contribuía positiva ou negativamente ao desenvolvemento sostible e ao hábitat da contorna. Esta actividade materializouse na Exposición fotográfica Boiro sustentable.
2º Trimestre. Levouse a cabo o traballo de campo de documentación e análise das paisaxes culturais e a presentación do traballo nas aulas. O alumnado distribuído en grupos definiu a paisaxe cultural sobre a que ían traballar. O traballo debía incorporar tres aspectos mínimos: traballo escrito con información base (xustificación da delimitación da paisaxe cultural, mapa do territorio xeográfico, análise dos diferentes elementos que compoñen a paisaxe e recomendacións para a súa conservación sustentable), documentación gráfica e/ou audiovisual segundo as características dos elementos patrimoniais analizados e deseño dunha ruta e visita guiada á paisaxe cultural definida.
3º Trimestre. Durante a III Semana temática do centro presentáronse os resultados de forma oral e por medio de paneis informativos ao resto da comunidade escolar e posteriormente realizouse unha andaina e visita guiada dun día por unha das paisaxes culturais propostas polo alumnado: a paisaxe cultural d'A Abrañeira. A ruta foi guiada polos alumnos e alumnas que traballaron nesa paisaxe cultural e nela tiveron un protagonismo especial os veciños e veciñas d'A Abrañeira e a Asociación de malladores d'A abrañeira.
A proposta educativa concluíu cunha avaliación final na que o alumnado valorou moi positivamente a experiencia.
O COMÚN
O proxecto foi integrado desde un principio na programación do centro a cada ano e contribuíu ao desenvolvemento de dinámicas innovadoras que se viñan realizando na materia de Ciencias Sociais e no centro. Conseguiu, así, crear unha rede de traballo colaborativo e interdisciplinar para transformar e mellorar a práctica educativa, conseguindo que todo o alumnado de 3º de ESO traballase colaborativamente e que se implicase alumnado doutros cursos e diferentes profesores do centro desde as áreas de Xeografía e Historia, Bioloxía e Xeoloxía ou Lingua e Literatura Galega.
O proxecto pretendeu presentar o patrimonio como algo vivo e valorar o coñecemento adquirido a través da observación directa e a análise da propia experiencia e da experiencia de diferentes persoas da comunidade educativa, que viven e usan esa paisaxe. Esta metodoloxía foi moi ben aceptada polo alumnado; permitiulles contrastar o coñecemento teórico coa realidade circundante, establecer un vínculo maior co medio no que viven, sentírense protagonistas na difusión e protección do patrimonio propio, conseguiu implicar á comunidade e revalorizou ante o alumnado o papel da comunidade como transmisora de coñecemento. Nos proxectos implicáronse alumnado, profesorado, familiares, amizades e veciñanza.
Ano tras ano, a experiencia brindada polo ProxectoTERRA resultou máxica, deixando ao alumnado sorprendido da impresionante e ás veces descoñecida beleza e importancia do noso patrimonio, e con ganas de aprender máis sobre el. Os proxectos resultaron ter un alto potencial de transferibilidade, tanto no propio centro no que se orixinaron coma fóra del e no resto da comunidade educativa galega.