O IES Urbano Lugrís de Malpica conta cunha extensa traxectoria no desenvolvemento de programas vinculados á paisaxe e ao territorio debido, fundamentalmente, á presencia no centro da profesora Rocío Romar Roel, colaboradora habitual do ProxectoTERRA e autora de parte dos materiais de Primaria e Secundaria.
Desde o curso 2012-2013 contribuíuse a mellorar o coñecemento do alumnado de Secundaria sobre os espazos que habita nas súas diversas escalas, complementando a compoñente teórica de impartición das unidades didácticas do programa co achegamento á complexidade da realidade territorial de Galicia e Norte de Portugal a través dos intercambios territoriais.
Experiencias na paisaxe
As experiencias educativas elaboradas no centro en torno ao concepto de paisaxe foron enriquecéndose ao longo do tempo sempre respondendo á vontade de traballar coa contorna próxima. Buscouse que o alumnado aprendese creando, a través de actividades centradas na experiencia propia e que fose quen de mobilizar as súas emocións. O traballo cooperativo e de campo erixiuse coma procedemento de referencia en paisaxe.
Sinálanse algunhas das experiencias elaboradas pola docente categorizadas por aqueles aspectos que caracterizan a paisaxe:
Percepción da paisaxe. A dedución da definición de paisaxe a través da observación é un dos camiños de entrada á temática, como o alumnado percibe o seu medio a través dos diferentes sentidos, a través de texturas, olores, formas, sons… O alumnado anota as súas impresións e analiza os lugares segundo as sensacións provocadas.
Como proxecto de curso propúxose a realización dunha fotografía mensual do que o alumnado ve desde as súas vivendas para plasmalo nun mural coas nove imaxes e analizar as diferenzas segundo o paso das estacións.
As emocións e valores da paisaxe. Baixo o título A paisaxe da nosa vida, o alumnado percorreu os lugares con especial significado a través de técnicas fotográficas. Despois compartiron co resto da aula os motivos da súa elección.
O lugar onde vivo. Esta acción foi o resultado de varias fases.
Fase 1. Elaboración do atlas da túa parroquia. O alumnado preparaba a documentación que incluía os seguintes mapas: mapa xeral de parroquias do Concello de Malpica e mapas relativos á curvas de nivel, hidrografía, núcleos de poboación, estradas, litoloxía, usos de solo e espazos naturais de cadansúa parroquia.
Fase 2. Elaboración dun cadro e dunha gráfica coa poboación do concello de Malpica por parroquias, lugares e por sexos do lugar de residencia do alumando.
Fase 3. Redacción dun texto expositivo de dous folios e unha escolma de imaxes sobre cadansúa parroquia onde se indicaba: situación respecto ao concello, morfoloxía do relevo, altitudes máximas e localización, ríos, situación e importancia das aldeas, poboación, cabeceira parroquial e situación, lista de topónimos da parroquia, tipo de rochas, orixe, usos do solo e espazos naturais.
O paso do tempo. Realizouse un percorrido pola memoria a través do tempo da vila de Malpica. Tras a visualización dun documental sobre Malpica no ano 1946, o alumnado elixía un fotograma, localizaba o lugar actual e repetía a fotografía. Despois localizaba o punto con coordenadas e localizaba o lugar da imaxe no plano. As rapazas e rapaces elaboraron unha investigación sobre a toponimia do lugar anotando todos os nomes atopados. Unha vez documentada a imaxe, compararon a escea do pasado e a actual observando aqueles elementos que desapareceron, as novas incorporacións e as substitucións. Finalmente, escribiron un relato sobre onde está ubicado o lugar, que actividades se desenvolvían alí, como eran esas actividades, os cambios producidos na paisaxe de Malpica ao longo destes 60 anos e que ventaxes e que inconvintes tiveron para o desenvolvemento e a sustentabilidade da vila. Animouse ao alumnado a falar coa veciñanza ou familares para argumentar a súa exposición.
Espírito crítico. Desde a aula sempre se buscou xerar un clima de reflexión e debate sobre a paisaxe. Partindo da contorna propúxose a confrontación entre o que é e o que debe ser, repensouse o termo de “feísmo” e estudáronse os impactos provocados pola adminstración ou a cidadanía en termos de atención á súa reversibilidade.
Experiencia de participación cidadá. Esta iniciativa estivo enmarcada na elaboración da Guía de Estudos da Paisaxe Urbana para a Xunta de Galicia, nun proxecto promovido pola Universidade de Santiago de Compostela. O seu obxectivo foi desenvolver o espírito emprendedor e a confianza en si mesmo, a participación, o sentido crítico, a iniciativa persoal e a capacidade para aprender a aprender, planificar, tomar decisións e asumir responsabilidades.
Iniciuse un proceso participativo para que o alumnado puxese en práctica os coñecementos adquiridos, analizase e valorase a morfoloxía urbana da súa vila e fixera propostas de cambio.