Xustificación
No CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro partiuse da necesidade de por ao alcance de toda a comunidade educativa a importancia de aproveitar os materiais de refugallo para mellorar o medio ambiente e, deste xeito, axudar á conservación do noso planeta. Considerouse que
é importante que o alumnado coñeza, desde idades temperás, como se recicla e que son e para que serven, os tres erres: reducir, reciclar e reutilizar. Preténdese axudar a cambiar os hábitos de consumo da comunidade educativa, facéndoos responsables e sustentables.
Os esforzos estiveron centrados en sensibilizar ao alumnado na educación ambiental e no fomento dunha cultura do compromiso coa súa contorna máis próxima. Desenvolvéronse numerosas accións que involucraron a toda a comunidade educativa e que se complementaron con diversos programas da oferta educativa. Algunhas delas non puideron ser finalizadas pola suspensión das clases en marzo de 2020.
Ecolaxeiros: misión salvar a Terra
Todo o traballo do curso escolar xirou ao redor do proxecto anual de centro Ecolaxeiros: misión salvar a Terra.
Comezouse cunha enquisa inicial que foi o punto de partida do proxecto, da que se obtivo toda a información necesaria para levar a cabo as actividades. En paralelo ao curso escolar, a ambientación do centro e as conmemoracións celebradas fixéronse baixo a temática da reciclaxe.
No tempo de lectura diario fíxose fincapé na aprendizaxe e no coñecemento de conceptos coma cambio climático, medio ambiente, sustentabilidade, economía circular, os tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e educación ambiental. No tempo da merenda diaria establecéronse rutinas de reciclaxe e de recollida de lixo selectiva nos colectores correspondentes.
Propuxéronse, sempre que foi posible, actividades de creación artística relacionadas coa conciencia ecolóxica e a mentalidade creativa e produtiva utilizando material de refugallo. Tamén se empregaron os xogos coma mecanismo motivador de adquisición de aprendizaxes relacionados co proxecto anual do colexio.
Finalmente, cabe salientar o obradoiro sobre a organización do territorio próximo realizado coa Axencia de Protección da Legalidade Urbanística para contribuír a mellorar o coñecemento sobre os espazos que habitamos e sobre a identidade territorial de Galicia, mediante a toma de consciencia da implicación e responsabilidade da cidadanía na construción e posta en valor destes espazos.