Arquitectura e urbanismo

Este é o meu barrio

Centro e lugar
IES Plurlingüe Elviña, A Coruña
Etapa educativa
3º de ESO
Curso académico
2014-2015 a 2017-2018
Persoa coordinadora
Enrique Sexto Aguiar

Os barrios

O IES Plurilingüe Elviña participou no ProxectoTERRA realizando unha investigación sobre os distintos barrios da área de influencia do centro desde os departamentos de Xeografía e Historia, Educación Plástica e Lingua e Literatura Galega.

Foi un traballo de xeografía urbana no que se estudaron os seguintes barrios da cidade da Coruña: polígono de Elviña, Birloque, Someso, Martinente, San Cristovo das Viñas e As Rañas, San Vicente e Castro de Elviña, Feáns, Mesoiro e Novo Mesoiro.

Na investigación tivéronse en conta aspectos tan diversos e de tanto interese como a percepción dos barrios, os seus límtes, as formas de desprazamento, as distancias a puntos significativos da cidade, os servizos e equipamentos, os espazos públicos, o espazo ocupado polo coche e o destinado aos peóns, os lugares preferidos do alumnado, a poboación dos barrios, a súa evolución demográfica e densidade poboacional, a historia e a morfoloxía urbana, o patrimonio construído, as presións inmobiliarias, o impacto ambiental das novas vías de circunvalación, a supervivencia de núcleos rururbanos e rurais, a relación cos terreos da Universidade, as hortas ou a existencia de núcleos de asentamentos precarios.

Toponimia

Ademais, un dos apartados no que se traballou con especial dedicación foi o relacionado coa toponimia e a microtoponimia, tendo como documento de referencia A Toponimia de Galicia, de Fernando Cabeza Quiles. Achouse que o apartado de microtoponimia estaba bastante incompleto e, por este motivo, recurreuse a realizar entrevistas á veciñanza por parte das rapazas e rapaces, para investigar sobre a procedencia do nome dos rueiros ou os lugares do seu barrio.

Paisaxe

Estas accións complementáronse en cursos sucesivos coas visitas guiadas organizadas polo ProxectoTERRA, entendendo e comprendendo as mesmas cuestións noutras paisaxes diferentes como a cidade de Porto no norte de Portugal ou a área paisaxística do Camiño de Santiago.

Máis paneis relacionados