A participación do IES de Poio no ProxectoTERRA nos seus inicios estivo vinculada aos intercambios territoriais. Durante o curso 2012-2013 o alumnado de 3º de ESO recibiu un obradoiro de introdución á lingua portuguesa e ao mundo lusófono que foi completada cunha serie de lecturas neste idioma no club de lectura (O gato malhado e a andorinha sinhá de Jorge Amado, Bichos de Miguel Torga e Frederico de Leo Lionni). Tamén foron impartidos na aula os materiais realizados polo COAG.
No mes de abril o equipo docente acompañou ao alumnado á visita didáctica á cidade de Melgaço e os seus arredores onde coñeceron a historia, a economía, a flora e fauna e as tradicións do lugar. A actividade resultou enriquecedora para o alumnado polo seu contacto coa natureza e o contexto histórico do lugar e por coñecer unha realidade novidosa para elas e eles. A experiencia quedou reflexada no blog do proxecto.
O dereito ao hábitat
Durante o curso 2017-2018 iniciouse un proxecto para presentar ao alumnado de 4º de ESO os problemas básicos da ocupación do territorio e da arquitectura para contribuír, así, a poñer en valor o patrimonio construído herdado.
O alumnado conseguiu unha toma de conciencia da importancia dos distintos tipos de hábitat e das nosas actuacións sobre el. Ao mesmo tempo foi quen de identificar cada un dos elementos que conforman o hábitat na actualidade, tanto desde un punto de vista natural como humanizado. Durante o proxecto buscouse concienciar da importancia da degradación do seu hábitat e o recoñecemento das agresións que sofre. Outra cuestión de especial relevancia foi a inclusión do enfoque de dereitos e recoñecer que a súa contorna debe ser un espazo construído colectivamente ao que todas as persoas teñan acceso.
A metodoloxía empregada no proxecto foi participativa e de apertura á contorna. O alumnado desprazouse até distintas localicacións do concello na que tomaron materiais documentais gráficos para ilustrar aqueles elementos senlleiros do hábitat previamente identificados na aula.
O material quedou recollido nun blog, co obxectivo de dar a coñecer a identidade xeográfica, cultural e social de Poio. A través de diferentes imaxes e unha pequena descrición, o alumnado pretendeu amosar as principais características deste territorio da bisbarra de Pontevedra cunha mistura de hábitats que son unha fiel mostra, a pequena escala, das diferentes tipoloxías que se poden atopar tanto no interior coma no litoral e, en todo caso, exemplos senlleiros da singular beleza do seu territorio. Así mesmo, tampouco esqueceron o rico patrimonio histórico e cultural, sempre vencellado ao mar dun xeito ou doutro.
Empregáronse Sistemas de Información Xeográfica para a xeolocalización dos lugares, determinar as coordenadas e asocialas a imaxes. Ademais, contouse cun dron para obter fotografías aéreas dalgúns lugares do concello con gran acollida por parte do alumnado. Finalmente, a iniciativa estivo complementada co intercambio territorial á cidade de Porto.