O ProxectoTERRA ofrece cada ano aos centros educativos galegos unha serie de actividades complementarias que comprenden Visitas Guiadas de Arquitectura e Cidade e Intercambios Territoriais. Con estas acticvidades preténdese que o alumnado viva en primeira persoa os espazos e territorios que son obxecto de estudo nas aulas, poñéndose en contacto directo coas cinco formas básicas de organización territorial analizadas no proxecto: aldea, parroquia, vila, cidade e área metropolitana.
Esta vivencia espacial e territorial esténdese no espazo xeográfico e cultural da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, co convencemento da necesidade de que se poida evidenciar por parte do alumnado que os procesos de construción territorial trascenden as divisións político-administrativas presentes e pasadas, impulsados polas dinámicas sociais, económicas e culturais das xentes que o habitaron e o habitan.
Visitas Guiadas de Arquitectura e Cidade
Estas visitas desenvólvense en cada unha das sete cidades galegas. Nelas preténdese que o alumnado sexa quen de recoñecer nas cidades o seu proceso de conformación histórica ao tempo que se achega ás máis recentes actuacións de rexeneración urbana e novos exemplos de arquitectura contemporánea, a través da vivencia dos espazos que propoñen as significativas mostras desta arquitectura que existen nelas.
Intercambios Territoriais
Desenvólvense ao longo de dous días no ámbito da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Apoiadas no traballo previo na aula das unidades de Paisaxe e Identidade Territorial, son as que permiten achegarse ao proceso histórico de construción do territorio de forma máis complexa e intensa, tomando consciencia da súa diversidade, contribuíndo a que o máis próximo non sexa o máis descoñecido.