Paisaxe e territorio

Mar e Terra: proxecto de vida

Centro e lugar
CEIP Illas Cíes, Vigo
Etapa educativa
Educación Infantil, Primaria
Curso académico
2018-2019
Persoa coordinadora
Cristina Torre Gordo

O mar

O proxecto educativo proposto baseouse na riqueza de oportunidades que ofrece o tema do mar, centrándose en tres aspectos chave:

  • O mar como elemento cotiá da vida do alumnado do centro.
  • O seu potencial para reflexionar sobre a necesidade de coidar o medio ambiente e o planeta.
  • Ser un tema do que parten moitos contidos a desenvolver na etapa de Educación Infantil e Primaria (as paisaxes costeiras, as especies mariñas, a pesca, o porto, o respecto ao medio ambiente ou o ciclo da auga).

Partiuse dun proxecto documental integrado no que a biblioteca escolar do centro estivo moi implicada. O programa estaba dividido en tres bloques temáticos segundo as avaliacións da programación docente. Na primeira avaliación, coa actividade Coñecendo o Mar de Vigo, traballáronse contidos relacionados co mar coma paisaxe natural, a súa flora e fauna, oficios asociados e monumentos da cidade de Vigo relacionados co mar. Na segunda avaliación, coa actividade A contaminación mariña, traballáronse contidos relacionados coa contaminación mariña e as consecuencias derivadas. Na terceira avaliación, por medio da actividade Coidamos a nosa terra, estudáronse contidos relacionados coa importancia do coidado do medio ambiente e a reciclaxe.

O produto final foi a creación dun rap e a realización do seu videoclip por parte do alumnado. Cada curso escolar tivo que elaborar unha estrofa para o texto da canción que foi acompañada con música de Paco Nogueiras. Este proxecto permitiu coñecer todas as profesións relacionadas co mundo da música comezando pola composición da letra, a súa adaptación a unha base musical, gravación e edición, masterización e postprodución, coreografía, deseño gráfico de carátulas e portadas e publicación e difusión en diferentes canles.

O proxecto supuxo un traballo interdisciplinar que implicou a todas as titorías e ás diferentes especialidades, xa que desenvolveu contidos propios de Lingua e Literatura Galega e Castelá, Educación Artística, Lingua Estranxeira e Ciencias Sociais. Permitiu tamén poñer en funcionamento procesos educativos que implicaban cooperación, traballo en equipo, organización, responsabilidade e autonomía, delegación de funcións, respecto ou resolución de conflitos.

 

Letra; Alumnado do CEIP Illas Cíes

Música: Paco Nogueiras

Retrouso infantil

 

No Illas Cíes imos rapear

esta canción coa que ides a brincar.

Neste cole aprendemos sobre o mar

Todos estamos dispostos a xogar.

 

1o de Primaria

No Illas Cíes poñemos os pés,

pero hai máis allá que non ves

Dende Redondela vemos San Simón

estelas en Nigrán, fóra Sálvora e Ons.

 

2o de Primaria

Para na mar salgada poder gozar,

os teus residuos ao lixo irán.

A mar salgada, a mar rizada,

é tan bonita, é tan amada.

 

3o Primaria

Ao marciño de Vigo, tan tranquiliño,

saen os mariñeiros pescar peixiño.

Barcos e redes saes faenas.

Peixe, peixiño, todos a xantar!

 

4o Primaria

Ao tomar o sol nas praias de Samil.

Bouzas, Alcabre, Patos e a Fonte,

crema tes que poner para non sufrir.

Preparado estás, a gorra ponte!

 

5o de Primaria

O mar de Vigo mola mogollón,

sempre que flota no meu corazón.

Vexo todo o mundo doutra cor,

porque a ría de Vigo é a mellor.

 

6o de Primaria

Vigo, Vigo. Coa túa ría fermosa

dende a praia ata a túa costa.

Mar que acariñas as praias de Vigo,

non te vaias. Quédate comigo!

Máis paneis relacionados