Hábitat

O espazo e a historia: territorio, memoria e paisaxe

Centro e lugar
IES Plurilingüe Elviña, A Coruña
Etapa educativa
1º de ESO, 2º de ESO, 3º de ESO, 4º de ESO
Curso académico
2019-2020
Persoa coordinadora
Soledad Bugallo Chouciño

A idea

Este proxecto partiu dunha reflexion sobre o espazo no tempo entre varios departamentos e materias do centro. Tivéronse en conta o espazo xeográfico, histórico, científico, patrimonial, social e artístico como elementos de análise situada. Entre outras referencias teóricas, estivo presente a obra de Karl Schlögel En el espacio leemos el tiempo.

O val de Elviña

As características nas que se asenta o centro educativo, tanto física como socioculturalmente, amosan unha multiculturalidade e propician unh a ampla reflexión sobre os xeitos de habitar. Esta cuestión foi obxecto de estudo en anteriores edicións do ProxectoTERRA. Incorporouse a mirada do tempo e da historia como elemento fundamental para a observación consciente do presente.

O val de Elviña representa un espazo de acontecementos históricos que deixaron pegada na memoria, a antiga Granxa Agrícola Experimental no río Monelos, entre outros. Ademais, este espazo foi mutando grandemente durante o século XX coa chegada da cidade contemporánea. Esta tipoloxía de trama rurbana da periferia da cidade achega unha visión multifacetada da rexión urbana Ferrol-A Coruña.

Accións

O proxecto contou con varias liñas de acción aliñadas co currículo das distintas materias, introducindo de xeito transversal a todas elas o territorio, o espazo e o enfoque de dereitos. A situación provocada pola COVID-19 motivou acoutar a profundidade nas propostas e flexibilizar formatos e resultados.

Acción inicial. Os dereitos: dos dereitos humanos ao dereito ao hábitat. Realizouse unha introdución ao concepto de dereitos humanos e á súa evolución histórica incidindo especialmente no dereito á vivenda. A través de diferentes materiais audiovisuais e textos motivouse a reflexión no alumnado na materia de Valores Éticos. Esta iniciativa foi complementada co desenvolvemento da unidade didáctica Dereito ao Hábitat da ONGd Arquitectura Sen Fronteiras.

Acción 01. Identificación territorial dos tecidos da área urbana da Coruña-Ferrol. Artellouse un traballo de vinculación espacial co rueiro da cidade, observando como o tempo se representa no espazo. O alumnado de 4º de ESO realizou unha investigación sobre persoeiros, toponimia e rueiros empregando tecnoloxías visuais e Sistemas de Información Xeográfica. Centráronse as actuacións en tres eixos: a construción derivada das infraestruturas ilustradas, o século XIX e o século XX.

Ademais, o alumnado de 1º de ESO elaborou unha pequena selección fotográfica centrada en dous aspectos. Por unha banda, aqueles lugares significativos da vida cotiá que se atopaban no seu traxecto ao centro e, por outra, elementos representativos da cidade para comprobar as pegadas do pasado na súa contorna, coa fin de concienciar da importancia do patrimonio cultural. Co alumnado de 3º e 4º afondouse no coñecemento da paisaxe histórica da contorna, propoñendo visitas virtuais e traballos de investigación sobre o Castro de Elviña e a Torre de Hércules.

Acción 02. Percorrendo o espacio: O mundo castrexo e Romano. Estaban previstas as visitas ao Castro de Elviña, á Torre de Hércules e ao Centro de interpretación de Cadoval. Foron reconfiguradas e adaptadas á virtualidade.

Acción 03. Elaboración dunha cartografía emocional. Recoñecendo o meu espazo. Paseo matemático virtual e guiado. Medindo o noso mundo.

A Cartografía Sensible elaborada polo alumnado de 3º de ESO contaba con dúas partes. A primeira foi unha aproximación ás ferramentas cartográficas e a súa vinculación matemática a través das TIC. A segunda, a introdución da cartografía social e o mapeado dos espazos significativos do alumnado.

Ademais, organizouse unha ruta matemática en 2º de ESO centrada na presenza das matemáticas en xeral e a xeometría en particular, no día a día do alumnado, no recoñecemento e descuberta das formas arquitectónicas e na necesidade humana de medir. O percorrido pola cidade motivou a introducción da matemática aplicada.

Finalmente, en colaboración co proxecto de toponimia desenvolvido polo equipo de Dinamización Lingüística, o alumnado de 4º de ESO realizou unha reflexión sobre a memoria, o territorio e as transformacións do espazo. Empregouse como fío argumental o documental Monelos Esquece de Ángeles Huerta. O debate estivo marcado pola descuberta toponímica da cidade e a relación co esquecemento e borrado dos espazos tradicionais.

Acción 04. A construcción da Galicia urbana. A idade Moderna. O coñecemento do Ferrol da Ilustración tivo que ser adiado pola suspensión das clases en marzo de 2020. Para afondar na Coruña do Liberalismo elaborouse un traballo transversal a través da toponimia que reflectise a pegada de persoeiros, equipamentos e fitos históricos no rueiro e no espazo a través de ferramentas cartográficas

Acción 05. As expresións artísticas no espazo. Introduciuse a ollada ao espazo desde a perspectiva artística, concretamente na literatura, na música e na pintura a través de diversas accións.

Co alumnado de 4º de ESO revisáronse as figuras literarias de Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán e foi organizada unha visita virtual á casa museo da segunda. Durante o confinamento propúxoselle ao alumnado unha actividade de reflexión espacial e verbal a través dunha redacción expositiva sobre o significado emocional e racional da privación de liberdade pola alerta sanitaria, ilustrada por unha imaxe do espazo físico urbán que cada un deles podía ver a diario desde a súa casa. Coas aportacións recibidas preparouse un mural sinóptico, representación do seu confinamento.

O alumnado de 3º de ESO realizou unha investigación sobre a vinculación espacial da música, estudando espazos físicos musicais (o teatro Colón e teatro Jofre) no contexto decimonónico das cidades da Coruña e Ferrol con referencia a aspectos matemáticos e históricos.

Máis paneis relacionados