Arquitectura e urbanismo

O espazo que habitamos

Centro e lugar
IES A Pinguela, Monforte de Lemos
Etapa educativa
2º de ESO, 3º de ESO, 4º de ESO
Curso académico
2012-2013 a 2018-2019
Persoa coordinadora
Flora Enríquez Rodríguez, Manuel Vilar Álvarez, Noelia Domínguez Conde e Diego Xesús López González

Identidade territorial

O IES A Pinguela ten unha longa traxectoria de participación no ProxectoTERRA. Ao longo dos diferentes cursos estableceuse un traballo continuado en torno ao espazo que habita o alumnado do centro, centrándose na identidade territorial da comarca de Terra de Lemos, desenvolvendo as unidades didácticas do COAG e complementando as mesmas cos intercambios territoriais.

A identidade territorial enténdese coma un conxunto de elementos, materiais e inmateriais, que se dan nun determinado territorio, susceptibles de diferencialo ou de actuar como forza de cohesión do mesmo. Está a ser unha base para as estratexias de desenvolvemento rural e, por tanto, xoga un papel catalizador de iniciativas.

Desde o centro comprendeuse que para traballar sobre a identidade dun territorio é preciso partir do coñecemento de todos aqueles elementos que o conforman. Por iso, as accións do alumnado durante o curso 2017-2018 estiveron centradas, en primeiro lugar, na identificación deses elementos. Para conseguilo o alumnado traballou na biblioteca e na aula TIC, investigando sobre os elementos máis destacados do patrimonio cultural, material e inmaterial da comarca Terra de Lemos.

Na materia de Xeografía e Historia traballouse de xeito especial o achegamento ao rico patrimonio arquitectónico tanto relixioso como civil. Na materia de Ciencias Naturais afondaron no coñecemento da paisaxe natural da zona e na posta en valor dos seus elementos distintivos. Nas materias de linguas (inglés e galego), o alumnado adquiriu coñecementos sobre o patrimonio inmaterial relacionado coa literatura e consolidou o vocabulario específico.

O resultado foi a elaboración dunhas fichas de catalogación dos diferentes elementos materiais e inmateriais identificados que servisen de base para un posterior traballo de posta en valor a través do deseño dun plan de xestión do patrimonio cultural.

En cursos sucesivos desenvolveuse unha investigación específica sobre a arquitectura popular centrada no elemento patrimonial do cruceiro na contorna, en paralelo a unha reflexión sobre a arquitectura contemporánea e o concepto de “feísmo”. A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística complementou esta visión coa necesidade da protección do patrimonio na súa actividade complementaria Eu son inspector@ urbanístic@. Coida do territorio, coida do teu realizada no centro durante o último curso.

Máis paneis relacionados