Resumo do proxecto
O IES Sánchez Cantón iniciou no 2014 a súa andaina no ProxectoTERRA traballando ao longo dos sucesivos cursos os diferentes materiais proporcionados e complementando os mesmos con actividades relacionadas como as descritas a continuación.
O barrio de Campolongo
O obxecto do traballo foi realizar unha análise do barrio de Campolongo coa fin de elaborar unha relación de posibles melloras e posteriormente propoñelas mediante unha carta ao Concello de Pontevedra de xeito similar a un proxecto realizado con anterioridade no IES de Ponte Caldelas. A proposta pretendía encadrarse no ámbito da pedagoxía de Aprendizaxe-Servizo e familiarizar ao alumnado coa xestión do territorio.
Na parte práctica dividiuse ao alumando en diferentes grupos aos que lle foi asignada unha parte da investigación:
- Grupo 1. Pescudar na historia do barrio de Campolongo e a súa evolución no tempo. Botouse man de toda a información gráfica atopada na rede, o alumnado visitou a hemeroteca do Museo de Pontevedra para consultar xornais dos anos setenta e, ademais, contouse coa axuda do Presidente da Asociación Amigos de Campolongo, Fernando Viéitez.
- Grupo 2. Analizar os edificios, os servizos, os equipamentos, os espazos comúns e públicos do barrio.
- Grupo 3. Analizar a percepción cidadá sobre este espazo. Este grupo pescudou sobre a opinión que lle merecía á veciñanza e ás persoas traballadoras o espazo de Campolongo. Destas entrevistas saíron parte das propostas de mellora.
- Grupo 4. Analizar os usos que se dan neste barrio: residencial, comercial, educativo, deportivo. Constatouse que o barrio ten todo tipo de equipamentos e así o percibe a cidadanía.
- Grupo 5. Estudar como evoluciona este espazo ao longo do día e da semana. Serviu para comprobar que estaban ante un espazo moi vivo a unhas horas e menos atractivo a outras. Esas mudanzas tamén foron importantes para mellorar en aspectos relacionados coa seguridade.
Unha vez que os grupos finalizaron as súas investigacións, compartiron as conclusións no blog habilitado para o proxecto. O alumnado foi comentando as publicacións do resto de grupos, os aspectos atopados tanto negativos coma positivos e, finalmente, realizouse conxuntamente unha análise DAFO sobre o barrio.
Dende o patio escolar ao barrio
Este proxecto naceu como consecuencia da convocatoria do Plan Proxecta, pero tamén do coñecemento da organización da I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e a Mocidade, Ludantia, que tivo como escenario a cidade de Pontevedra en maio do 2018.
As posibilidades de aprendizaxe para o alumnado ao abordar o estudo do barrio onde se ubica o centro educativo son enormes. O río Gafos, achegándose á súa desembocadura, é un elemento natural que atravesa o barrio, creando un recuncho de reencontro coa natureza no medio dun tecido urbano de morfoloxía moi variada. Porén, este río foi maltratado e esquecido como se fora un estorbo e non acaba de ser un elemento central da paisaxe urbana, a pesar dalgunhas actuacións recentes.
A construción de inmobles de maior volume que os tradicionais do tecido urbano anterior e a sucesión de medianeiras empobrecen, sen dúbida, a imaxe do barrio. A utilización das beiras do río como lugar de aparcamento e mesmo a falta de rehabilitación dos edificios máis antigos contribúen a xerar unha sensación de barrio periférico e, mesmo, un tanto marxinal. As verteduras que de cando en vez padece o Gafos e a ocasional presenza de lixo no río indican a falta de sensibilidade da cidadanía.
O propio recinto do centro educativo, delimitado por uns tristes muros de formigón, insensible á topografía natural orixinal, dá as costas ao río e semella unha mole pouco integrada na contorna. Partindo deste escenario, pensouse que sería un bo proxecto de centro traballar nos seguintes aspectos:
- Unha análise das augas do río Gafos en varios puntos do seu treito final como práctica de investigación científica. O estudo da fauna e vexetación presentes fíxose da man do profesor de Ciencias da Natureza German Santos.
- Un catálogo de transformacións e melloras estéticas no barrio e no patio que se fixo da man do departamento de Educación Plástica, cos profesores Carmen Pernas e Jaime Rodríguez.
- A investigación na evolución da morfoloxía do barrio e a implicación do tecido asociativo: veciñanza (Asociación San Roque) e ecoloxistas (Vaipolorío) e a proposta de melloras de habitabilidade, despois de analizar o espazo obxecto de estudo, contido de traballo que desenvolveu o profesor de Xeografía e Historia, Humberto Martínez.
O alumnado de 2º ESO realizou o desenvolvemento das análises do barrio e das augas do río. Cada aula recibiu unha temática específica sobre a que desenvolver a investigación: as características fisicoquímicas e o patrimonio dun tramo do río, as transformacións urbanas máis recentes do barrio e as medidas para reducir o seu impacto visual, a evolución dos usos e o perfil das persoas habitantes do barrio e o patrimonio vinculado ao río, solicitando a rehabilitación dun dos muíños.
Estas propostas desembocaron nun debate ao que asistiron o Alcalde de Pontevedra, o Presidente da Asociación ecoloxista Vaipolorío e o Presidente da Asociación Veciños San Roque, onde o alumnado de 2º ESO puido expoñer as propostas ante o rexedor municipal.
En 1º de Bacharelato, na materia de Debuxo Técnico, o alumnado traballou primeiro na elaboración da documentación gráfica e planimétrica necesaria para o mellor coñecemento da realidade física do ámbito de estudo: plano de alturas da edificación, plano de usos, plano de edificios singulares polo seu valor histórico e etnográfico, documentación fotográfica aérea que describa a situación do ámbito do río Gafos no conxunto da cidade e unha base de datos para a localización das medianeiras máis conflitivas, acompañadas dunha ou varias imaxes fotográficas ilustrativas do seu impacto visual. Despois concretaron as diferentes propostas de actuación no patio, sendo a principal actuación o deseño dunha serie de bancos e gradas a partir da reutilización de palés.
En 1º e 2º de Bacharelato, na materia de Debuxo Artístico traballaron na creación de composicións pictóricas para disimular as numerosas medianeiras que hai no barrio. O proceso creativo consistiu en sete fiestras distintas con motivos relacionados co mundo do mar que debían cubrir a parede medianeira dos edificios que sobresaen sobre as edificacións preexistentes, tendo en conta o pasado mariñeiro da Ribeira dos Peiraos. As imaxes foron finalmente proxectadas de xeito virtual na medianeira elixida.
Toda a información xerada foi recollida e sistematizada na web do proxecto Dende o patio ao barrio.
A Alameda de Pontevedra
Durante os dous últimos cursos, o centro pasou a desenvolver unha investigación sobre un espazo representativo da cidade de Pontevedra, a Alameda, co obxectivo de chegar a realizar propostas de transformación.
Os cursos implicados na proposta foron 2º de ESO, na materia de Paisaxe e Sustentabilidade, e Bacharelato. Dentro das accións levadas a cabo até o momento compre salientar o traballo do alumnado de Debuxo Artístico, baixo a docencia de Carmen Pernas Lorenzo, que foi quen de elaborar unha miscelánea de imaxes inspirándose nos temas do pintor Carlos Sobrino, a modo de novos esmaltes para o zócalo da Alameda.