A comarca
O traballo na aula no IES Pintor Colmeiro estivo adicado ao coñecemento sobre a súa contorna próxima, de marcado carácter rural, desde unha aproximación teórica á arquitectura popular e á paisaxe galega, empregando os materiais de ProxectoTERRA escritos e audiovisuais.
Para profundar na ánálise, posteriormente foi proposta a realización dun Concurso de feísmo urbano onde o alumnado fotografaba unha serie de construcións da contorna reflexionando sobre este concepto, a súa integración no medio galego e analizando a perspectiva deste fenómeno paisaxístico ofertada por diferentes medios de comunicación.
O Camiño de Inverno
De forma paralela decidiuse complementar o traballo coa participación no programa IDE Silleda (Investiga, Debate, Educa) concienciando ao alumnado sobre a importancia do valor patrimonial, cultural e medio ambiental de Galicia, particularizándose no estudo do patrimonio material e inmaterial do Camiño de Inverno de Santiago ao seu paso por Silleda.
En colaboración co Departamento de Educación Física leváronse a cabo as dez etapas, nove de carácter virtual no propio centro e unha real na súa contorna. En cada etapa virtual, a través dun código QR, visualizábanse os espazos que ían percorrer, respostábanse unha serie de cuestións relacionadas co trazado do camiño e o seu patrimonio e, posteriormente, percorrían a distancia establecida dando voltas ao centro organizando as diferentes quendas por parte do alumnado. O reto finalizaba cando estaba a distancia total percorrida e todas as respostas acertadas. Para a etapa presencial, organizouse un completo roteiro pola bisbarra mesturando coñecemento histórico, patrimonial e paisaxístico establecendo visitas aos diferentes puntos de interese.
Na materia de inglés, ademais, introduciuse o vocabulario específico dos oficios tradicionais galegos desenvolvidos en torno ao Camiño de Santiago, así como aquel relacionado cos elementos arquitectónicos que se atopan na vila de Silleda.