O ProxectoTERRA na formación superior
O departamento de Servizos Socioculturais e a Comunidade do IES Plurilingüe Rosalía de Castro teñen unha longa traxectoria de participación no ProxectoTERRA co alumnado de primeiro curso do Ciclo Superior de Animación Sociocultural e Turística, dado o interese que o proxecto supón para o ciclo. Os contidos desenvolvidos de xeito transversal están intimamente ligados aos do propio currículo.
A participación no ProxectoTERRA contribuíu favorablemente a que o alumnado realizase unha aprendizaxe dende unha perspectiva eminentemente práctica e ampliase o seu coñecemento do patrimonio cultural e natural de Galicia, ámbito de relevo no futuro exercicio das súas competencias profesionais.
Desenvolvemento rural
O desenvolvemento do proxecto adoitou ter un carácter transversal estando implicados os diversos módulos que cursa o alumnado. Malia esta transversalidade, existe un módulo vertebrador do proxecto, Desenvolvemento Comunitario, xa que acolle entre os seus contidos o desenvolvemento comunitario do ámbito rural.
Dada a realidade actual e a crecente consciencia da necesidade de revitalizar o mundo rural entendeuse como prioritario dotar ao alumnado do coñecemento preciso para afrontar, no futuro, proxectos nas diversas bisbarras galegas.
Teoría e práctica
Para o departamento resultou fundamental compaxinar teoría e práctica. Resultou ser de suma importancia durante o desenvolvemento do proxecto, o acceso á actividade complementaria do intercambio territorial do Camiño de Santiago xa que que permitiu ao alumnado contextualizar de xeito conxunto o espazo xeográfico que precisa para posteriormente desenvolver na aula os seus proxectos.
As actividades deseñáronse para seren desenvolvidas de xeito transversal ao longo do transcurso do ano, aínda que pola situación provocada pola COVID-19 no último curso tivo que prescindirse dalgunha delas.
Nas primeiras sesións empregáronse os materiais facilitados polo ProxectoTERRA establecendo unha continua relación cos contidos específicos do ciclo. Despois, presentáronse unha serie de accións sobre os elementos estudados.
- Jinkana cultural urbana en Compostela. Organizada polo profesorado.
- Encontro cos comerciantes do casco vello da cidade.
- Actividade fotográfica sobre espazos urbanos.
- Xornada con Xesús Ferro Ruibal sobre patrimonio inmaterial.
- Jinkana cultural rural en Guitiriz. Organizada polo IES Poeta Díaz Castro
- Deseño de itinerarios culturais-naturais realizados polo alumnado do centro.
San Xusto de Paradelo
Ademais, para optimizar os materiais empregados deseñouse un imaxinario concello da provincia de Lugo, San Xusto de Paradelo. Este concello ven ser a suma de varios, algúns dos que se acostuman a visitar no intercambio territorial. Deste xeito, na aula non se analiza unicamente o territorio e a identidade cultural de Galicia en xeral, senón que se exemplifica nun concello inaxinario para o que o alumnado debe deseñar un proxecto de desenvolvemento comunitario.
A actividade desenvolvida en San Xusto de Paradelo considerouse a chave do proxecto e perseguiu a análise da realidade para a súa transformación. Con ela estúdanse as estruturas comunitarias, organización das comunidades e indicadores socioculturais tanto na actualidade coma con perspectiva histórica. Cómpre sinalar que se promoveu unha transformación desde a participación, sendo críticas coas prácticas intervencionistas dirixidas e propiciando a consideración da comunidade coma un axente activo fundamental de todo proceso de desenvolvemento.