Arquitectura e urbanismo

Os barrios da Magdalena e de Esteiro

Centro e lugar
CPR Valle Inclán I, Ferrol
Etapa educativa
Educación Infantil, Primaria, Secundaria
Curso académico
Cursos 2017-2018 e 2018-2019
Persoa coordinadora
Eva María Veiga Graña

Proposta

Neste proxecto tomáronse coma centros de interese os barrios da Magdalena e de Esteiro, na cidade de Ferrol, de xeito que as actividades das etapas de Infantil, Primaria e Secundaria xiraron, durante os dous cursos que durou esta proposta, arredor desta iniciativa que intenta conservar e manter activos estes barrios tan representativos da cidade.

O obxectivo do equipo docente era fomentar o respecto polo entorno, o espírito crítico e de investigación dos diferentes espazos que se poden habitar e a creación dun hábitat perfecto para convivir, co simple xesto de observar, con ilusión contaxiosa, os diferentes edificios representantes de cada barrio, cadansúa estructura, os seus personaxes ilustres e, no caso de Esteiro, a súa industria. A proposta do profesorado participante rematou por contaxiar á inmensa maioría do claustro, de xeito que se sentiu atraído polo tema e colaborou activamente.

Obxectivos

Con este proxecto pretendíase:

  • Dar a coñecer os diferentes espazos que habita o alumnado, buscando semellanzas e diferenzas entre eles.
  • Coñecer as tradicións culturais, arquitectónicas, antropolóxicas e festivas que identifican aos barrios da Magdalena e de Esteiro.
  • Identificar, nun plano de Ferrol, os barrios da Magdalena e de Esteiro.
  • Coñecer in situ os barrios da Magdalena e de Esteiro, o seu territorio, a súa historia e a súa arquitectura tradicional.
  • Estudar o proceso de reestruturación económica e espacial que está sufrindo a cidade e, en especial, os dous barrios do estudo.
  • Favorecer a innovación, motivación, traballo activo e cooperativo por parte de toda a comunidade educativa.
  • Favorecer a creatividade, a implicación, o pensamento crítico e a iniciativa persoal.
  • Fomentar as exposicións orais, o cooperativismo, os traballos en grupo e de investigación.
  • Promover a realización dun traballo interdisciplinar dun xeito tranversal, coa fin de desenvolver e avaliar moitas das competencias básicas.
  • Difundir a toda a comunidade educativa os resultados e conclusións obtidos.

A meirande parte dos obxectivos foron cumpridos e a implicación da comunidade educativa foi total: foron moitos os familiares e coñecidos que se achegaron até a biblioteca do centro para facilitar todo tipo de información referente ao barrio.

Desenvolvemento

O traballo principal do proxecto realizouno o alumnado e profesorado de 3º,4º,5º e 6º de Primaria e os catro cursos de ESO, pero a motivación e o interese do tema fixeron que o resto da comunidade educatica tamén participase de varias das actividades realizadas ao longo dos dous anos. Por exemplo, nas celebracións do entroido elaboráronse disfraces relacionados con esta temática.

A primeira parte do proxecto desenvolveuse coa busca de información relativa ao barrio en estudo por parte do alumnado, así como do profesorado comprometido co proxecto. Realizáronse algunhas visita aos diferentes museos, bibliotecas ou outros organismos públicos e privados da contorna, depositarios de información susceptíbel de ser empregada para un bo e correcto desenvolvemento do proxecto. No curso 2017-2018 visitáronse lugares coma o Museo da Construción Naval, EXPONAV, ou o teatro Jofre, mentres que no curso 2018-2019 visitáronse outros coma a factoría Navantia ou o campus da UDC.

Coa fin de que todas as persoas vinculadas ao proxecto tivesen unha maior motivación e implicación no mesmo, fixéronse diferentes exposición orais e materiais a través das cales se mostraron os resultados obtidos nos traballos de investigación.

O seguinte paso foi realizar un roteiro a pé polo barrio para ver as diferentes construcións, o tipo de urbanismo do que se estaba a falar, facendo fincapé na súa estrutura arquitectónica e nos espazos da contorna. No barrio da Magdalena organizouse o roteiro Ferrol en feminino, a través do cal o alumnado de 5º e 6º de Primaria puido coñecer a historia e a importancia das súas antergas na cidade de Ferrol e arredores.

Metodoloxía

A metodoloxía que se levou a cabo estivo baseada na aprendizaxe a través dun proxecto común, dependendo do carácter individual ou colectivo da actividade a realizar.

Desde a institución escolar estableceuse un achegamento do entorno cara á escola; este achegamento desenvolveuse organizando programas e tarefas arredor da mellora da comunidade, establecendo os distintos niveis de cooperación e coordinando os esforzos de todas as persoas. Deste xeito, e tendo en conta que se estaba a traballar nun proxecto interdisciplinar que inclúe os elementos do currículo das distintas áreas, fíxose fincapé en que o proxecto se integrase nas programacións específicas do profesorado participante, así como na programación xeral anual.

Máis paneis relacionados