Paisaxe e territorio

Paisaxe no Nº 1

Centro e lugar
IES Nº 1, A Estrada
Etapa educativa
1º de ESO, 2º de ESO, 4º de ESO
Curso académico
2015-2016 e 2016-2017
Persoa coordinadora
Alejandro Sanmartín Enríquez

Contexto

O IES Nº 1 da Estrada é un centro público ubicado na comarca de Tabeirós-Terra de Montes. O alumnado ven maioritariamente de zonas rurais e desprázase diariamente en transporte escolar ao centro, o que limita considerablemente as posibilidades de participación en actividades extraescolares e de formación, xa que non pode acceder con facilidade ás institucións públicas coma bibliotecas, actividades de teatro ou cinema, ou a outras actividades culturais e deportivas que se poidan organizar na vila. Coa idosincrasia e peculiaridades deste tipo de alumnado, a súa implicación en actividades directamente relacionadas coa paisaxe e actuacións sobre o medio, fíxose especialmente interesante e proveitosa.

Vivimos aquí

Desde o equipo docente considerouse que o ProxectoTERRA era unha plataforma ideal para as actividades relacionadas co coñecemento da contorna e o compromiso cos seus valores sociais, ambientais e culturais. Os inicios do programa estiveron vencellados á materia de Paisaxe e Sustentabilide onde, tomando a estrutura do libro PAGUS, se desenvolveu un programa de nove meses co alumnado de 1º de ESO adecuando os contidos ás circunstancias do seu contexto.

Durante o curso 2016-2017 deseñouse un programa interdiscipilnar para o alumnado de 1º de ESO involucrando ás áreas de Ciencias Naturais, Paisaxe e Sustentabilidade, Educación Plástica e Visual e Educación Física. Desde as distintas materias estudouse a contorna inmediata e a súa relación coa veciñanza, empregando diferentes ferramentas didácticas e recursos multimedia.

O profesorado organizou as accións e saídas para posibilitar o traballo de campo, a análise dos datos recollidos e a devolución das reflexións extraídas. As rapazas e rapaces recolleron fotografías da súa contorna, elaboraron roteiros de sendeirismo, estudaron os cambios paisaxísticos atendendo ás distintas estacións, investigaron sobre a demografía e xeografía dos seus pequenos núclesos urbáns, trazaron un pequeno estudo sobre as festas máis senlleiras e analizaron o seu contexto social e económico.

As diversas accións permitiron tomar consciencia sobre a implicación e responsabilidade da cidadanía na construción e posta en valor dos espazos territoriais. O alumnado foi quen de entender e aprender sobre os seus sinais identitarios e sobre como o patrimonio cultural e arquitectónico conforman a identidade comunitaria.

Paisaxe coñecido, paisaxe querido

O proxecto foi enriquecéndose nos sucesivos cursos, abordando novas e interesantes temáticas como a expresión da paisaxe (concepto de feísmo, arte e fotografía paisaxística), a memoria (etnografía, despoboamento do rural) ou os valores (crise climática).

Pódense salientar accións coma o catálogo de Recuperación da nosa memoria colectiva onde se buscou unir e catalogar nun arquivo dixital as fotografías de todas as familias que conforman a comunidade escolar, para crearen así unha imaxe colectiva dunha época nun territorio determinado. Tamén, a documentación de Usos e oficios que se van onde, a través de fotografías e redaccións escritas o alumnado deixou plasmada información en risco de desaparición. Ademais desta ollada ao pasado, o alumnado reflexionou e posicionouse sobre problemáticas actuais, moi vinculadas á súa xeración, como a crise climática actual.

Toda a experiencia foi recollida no blog da aula de forma completamente autónoma por parte do alumnado, que foi quen de mantelo actualizado cos diferentes contidos ao longo do curso.

Máis paneis relacionados