A proposta baseuse na vontade de facer do centro un espazo no que todas as persoas teñan oportunidade de participación, presenza e aprendizaxe, seguindo os principios dunha educación inclusiva. Os tempos e espazos de lecer cobraron relevancia porque son esenciais nas relacións humanas e no crecemento persoal e todas as nenas e nenos teñen que poder disfrutar deles.
Esta proposta xurdiu dunha dobre realidade do centro: a necesidade de repensar os espazos e usos do tempo de recreo e dar resposta a aquelas crianzas que, polas súas características persoais e/ou sociais, teñen dificultade de incorporación aos xogos ou nas relacións interpersoais.
A escola está situada nun barrio de Vigo onde os espazos de esparexemento e relación son limitados, existindo escasos lugares para a o xogo en contacto coa natureza, libre e de exploración. O propio centro escolar é reflexo desta situación sendo os seus espazos de xogo únicamente unha pista deportiva cuberta e un recuncho de terra. Esta organización fomentaba que as posibilidades de ocupación e uso do espazo principal estiveran ocupadas na súa maior parte por deportes de balón, especialmente fútbol. Desde unha perspectiva de xénero, esta situación traduciuse nun aspecto a repensar xa que son deixados de lado deportes e xogos asociados tradicionalmente ao rol feminino. Estas características fan que nenos e nenas con máis dificultades na interacción teñan limitado o seu gozo na hora do recreo.
Decidiuse iniciar este proxecto para ofrecer novas alternativas, novas propostas de ocupación e uso do espazo que ían beneficiar a toda a comunidade educativa fomentando un clima inclusivo, creativo, dinámico e máis saudable física e mentalmente no centro escolar.
Esta transformación do centro levouse a cabo desde cinco accións complementarias, aínda que algunhas delas tiveron que pausarse pola suspensión das clases no último trimestre do curso.
- Repensar o espazo de lecer do alumnado para a optimización das súas posibilidades. Realizouse un traballo de reflexión e proposta sobre o patio que lles gustaría ter presentando a información recollida en diferentes soportes. Ocupáronse espazos que non estaban abertos durante o tempo de recreo como a biblioteca, o pavillón e a horta. Fíxeronse modificacións no patio de Educación Infantil e foi pintado un gran mural. No patio de Educación Primaria estaba prevista a habilitación dun espazo inutilizado para transformalo en pista de educación vial.
- Crear alternativas e propostas inclusivas de xogo no recreo: xogos de mesa, horta escolar, club lector, xogos cooperativos e préstamo de material (cordas, raquetas,...). Todos os martes no pavillón había unha proposta de xogos de mesa adaptados a Braille. Houbo un traballo de preparación con alumnado NEAE. Os xoves, no 2º trimestre, púxose en marcha a horta escolar. Iniciouse o Club de Harry Potter, impulsado por unha rapaza con discapacidade visual.
- Facer os lugares de lecer máis accesibles cognitivamente e arquitectonicamente. Levouse a cabo un obradoiro de accesibilidade cognitiva na titoría de quinto curso de primaria, en colaboración co Departamento de Orientación e cunha persoa de apoio da ONCE. Tras varias sesións de sensibilización, levouse a cabo a rotulación das dependencias do centro en Braille e con pictos.
- Potenciar a colaboración familia-escola e comunidade-escola beneficiándonos da súa experiencia pasada na infancia. En colaboración coa ANPA pintouse e acondicionouse o zona do horto escolar. Ademais, en Educación Infantil recuperaron os xogos aos que as súas familias xogaban coa súa idade.
- Favorecer un sentimento e unha responsabilidade de pertenza e respecto ao centro, ás súas instalacións e aos seus materiais. O espazo tamén era preparado e recollido polos rapaces e rapazas antes e despois de xogar.