O IES Ponte Caldelas leva participando de xeito continuado no proxectoTERRA desde o curso 2009-2010 integrándoo dentro do currículo de Xeografía e Historia en 3º da ESO e centrándose no desenvolvemento da súa unidade Identidade Territorial, pero ampliando os seus contidos con accións propias que a enriquecen e complementan.
A presente descrición recolle o traballo realizado durante os últimos cursos escolares baixo a metódica coordinación da docente Susana Trigo Arcos.
A cidade difusa (2016-2017)
Durante este curso deseñouse unha investigacion que tiña como obxectivo analizar a parecepción da cidade desde o contexto rural e de cidade difusa no que se sitúa o centro. A Lama, Fornelos de Montes e Ponte Caldelas son tres concellos que se atopan na periferia do Arco Atlántico galego. A poboación habita en pequenos núcleos ou vivendas dispersas, con todas as vantaxes de estar na contorna rural e coas numerosas posibilidades de gozar da oferta das cidades de Pontevedra e Vigo. Buscouse saber até que punto esta relación entre a aldea e a cidade é doada e, para iso, elaborouse unha enquisa para as familias sobre a súa percepción da comarca. Despois da recollida, tratamento e análise da información, os resultados foron publicados na revista do centro FALABARATO.
Xeografía da percepción e Paisaxes Roubadas (2016-2018)
Deseñouse un mapa mental no que cada alumna ou alumno trazou os seus desprazamentos na comarca, nomeadamente ao instituto. Situáronse nel os elementos propios da imaxe mental dun territorio: nodos, percorridos, bordes, percepción de barrio ou lugar, límites ou fronteiras. Ademais, tamén resultaron de interese outros elementos, igualmente subxectivos aos que se denominou cartografía dos sentimentos: os fitos afectivos (lugar de encontro con alguén con quen teñen un vencello significativo), as cuncas visuais afectivas (os espazos valorados pola estética da súa paisaxe) e as cuncas visuais rexeitadas (os espazos rexeitados polo seu aspecto degradado).
Esta iniciativa foi replicada no curso seguinte, ano que coincidiu cunha serie de incendios forestais nas Rías Baixas de proporcións nunca vistas. Non concello de Ponte Caldelas foron queimadas 2.900 hectáreas e a propia contorna do centro ardeu. O lume resultou dramático para moitas familias.
Decidiuse voltar sobre os traballos realizados e reflectir sobre eles o impacto do lume. Nunha capa de papel vexetal superposta cada persoa sombreou as áreas queimadas no seu percorrido. Máis do 50% dos enclaves sinalados na actividade anterior coma paisaxes afectivas, resultaron estar comprendidas nas áreas estragadas. Son as paisaxes roubadas. Ao pé destas manchas escribiron as palabras que resumían os seus sentimentos: dor, impotencia, rabia, tristura. Foi a través desta actividade como foron quen de reflexionar sobre o impacto máis estendido no territorio: as plantacións de eucaliptos.
No magosto de novembro, o alumnado do centro participou na elaboración dun mural de denuncia sobre os incendios forestais. Elaboráronse lapas de papel que contiñan frases nas que o alumnado expresaba os seus sentimentos de rexeitamento cara aos lumes que asolaron o concello. Este mural quedou durante todo o curso no vestíbulo do centro, a modo de denuncia colectiva.
Ordenación integral dunha illa: xestionar o territorio (2017-2020)
A vivencia do lume creou un novo ánimo para acometer a actividade de grupo máis significativa do programa: deseñar o Plan Xeral de Ordenación duna illa imaxinada. Ou o que é o mesmo: soñar cun territorio ordeado integralmente. O lema da actividade foi “o que non se soña, nin sequera se sabe que se pode obter”.
Os condicionantes do espazo proposto para a tarefa foron os seguintes: a illa tiña un tamaño similar a Menorca –corenta quilómetros na súa distancia máxima– con dez mil habitantes –similar á poboación censada nos concellos da zona–, onde o solo era todo de propiedade comunal e a cidadanía participaba activamente na toma de decisións. O feito de sinalar que todo o solo é de propiedade colectiva ten coma fin valorar a responsabilidade sobre os espazos comúns e, polo tanto, fomentar o vencello coa figura do monte veciñal, moi presente nesta comarca da que moitas familias forman parte.
Os grupos estaban formados por tres ou catro persoas, segundo os criterios da aprendizaxe cooperativa. Cada equipo debía xestionar a súa illa tendo en conta os seguintes aspectos:
a) Descrición do medio natural: re/creación dunha paisaxe, citando aspectos climáticos, xeolóxicos, bioxeográficos, etc.
b) Mención ao xeito de obtención de enerxía renovable e outros posibles recursos da natureza
c) Aproveitamentos económicos
d) Infraestruturas
e) Cualificación do solo en coherencia co anterior, segundo varias categorías: solo non urbanizable, solo especialmente protexido, solo urbanizable e solo industrial.
d) O desenvolvemento sostible e a preservación da calidade paisaxística e ambiental presidían a actuación no territorio
Cada grupo realizou o seu PXOM en tres sesións de aula nas que debateron e chegaron a acordos. Logo realizaron a cartografía de usos do solo sobre un modelo da illa con
curvas de nivel e algúns elementos naturais singulares –dunas, regatos, área pantanosa na foz do curso principal– na que podían decidir a orientación. Finalmente redactaron un sinxelo Plan de Ordenación no que explicaron as súas decisións sobre a catalogación das distintas áreas de solo. Ademais, preparouse un xogo de rol sobre os dilemas actuais na xestión do territorio en base a supostos prácticos e analizáronse as consecuencias das diferentes solucións. Finalmente, a actividade complementouse cunha viaxe á illa de Sálvora para coñecer os seus valores ecolóxicos e paixasísticos, así como a xestión da mesma.
Esta liña de traballo coas súas conclusións foi presentada e publicada nos relatorios de Ludantia, bienal de Arquitectura e Educación na infancia e na mocidade celebrada en Pontevedra no 2018.
Durante os seguintes cursos foise enriquecendo a proposta realizada no marco do Plan Proxecta con aportes das diferentes materias. Saliéntanse algunhas das accións realizadas nelas:
Tecnoloxía. O alumnado explorou o seu territorio empregando un programa de visualización xeográfica da Xunta baseado en ortoimaxes. O obxectivo foi que o alumnado, futuro propietario de terras, fose quen de organizar as fincas da propiedade familiar, localizalas, marcalas, medilas segundo o catastro e reflexionar sobre o uso que teñen. Ademais, á vez fíxose labor de recollida da toponimia e do patrimonio. Unha segunda fase foi analizar os riscos de incendios e como evitalos. Este traballo vinculou o ProxectoTERRA co proxecto O Monte Vivo.
Lingua e Literatura Castelá. O estudo da obra literaria El Conde Lucanor de Don Juan Manuel serviu de base para a realización de textos creativos, que seguindo o esquema das conversas entre Patronio e o Conde Lucanor, recolleran temas de debate actuais sobre a xestión do noso territorio. En particular foi desenvolvido o tema da excesiva eucaliptización da nosa contorna. Tamén se realizaron poemas, aplicando o esquema do soneto, inspirados na paisaxe do río Verdugo, que serviron para vincular o ProxectoTERRA co Proxecto Ríos, que tamén se desenvolveu para o mesmo alumnado en 3º de ESO.
Lingua e Literatura Galega. Co gallo do Día das Letras Galegas, o alumnado investigou sobre os temas de estudo de Antón Fraguas no curso 2018-2019 e analizou a técnica do ensaio etnográfico. Isto serviu para dar formato ao traballo de investigación que acompañou a análise do propio patrimonio do Sistema de Información Xeográfica, en Tecnoloxía.
¡Oh queridísimo río Verdugo!
Que por tu puente yo siempre pasaba
Y con tu belleza me encandilaba
Y me quedaba sordo,ciego y mudo.
Tu agua,tus truchas,tus pasos y el musgo
Que a mí siempre me enamoraba.
¡Agua helada en la que me reflejaba!
¡Oh queridísimo río Verdugo!
Mi alma se queda en lo ardido,
Desolada,muy triste y sin firme.
¿Por qué hay tanta maldad sin sentido?
Ahora me toca a mí despedirme,
agradecerte todo lo vivido,
la muerte viene por mi, he de irme.