PROPOSTA
Nada mellor que coñecer as paisaxes que nos rodean para interiorizar o espazo que habitamos, visualizando os pequenos cambios que se producen ao longo dos meses e das estacións, aprendendo a respectar e coidar eses espazos naturais. Para iso o mellor é vivencialo percorrendo eses lugares onde ollar o que nos rodea, o río, a ría, a praia, o parque e o monte que dá nome ao centro.
Para aprender e coñecer o que lles rodea, na EEI San Roque colaboraron con outros centros veciños, en concreto o CEIP Plurilingüe Santa Rita e o IES María Sarmiento, visitando o parque e a praia e recollendo o lixo que atoparon, que despois transformarían en arte. Esta saídas foron fundamentais para concienciar ás nenas e aos nenos, mais tamén ás familias, sobre o coidado da contorna coma parte fundamental para preservar a vida no planeta e o noso futuro.
Para coñecer o espazo que habitamos tamén resulta esencial interiorizar o espazo que vivimos a diario, o patio de xogos. Na EEI San Roque tentaron de melloralo en todos os ámbitos posibles, querendo afianzar ese espazo como un Patio Dinámico Inclusivo, onde todas as persoas teñen cabida, dando opcións de xogos cooperativos e colaborativos, e tamén intervindo nel para melloralo.
ACTIVIDADES
Este proxecto baseouse nas saídas ao medio, percorrer e pisar eses espazos contemplando cunha ollada diferente e axudando ao alumnado a fixarse en todos e cada un dos elementos naturais que nos rodean e que, ás veces, aínda que están aí non reparamos neles.
Preparáronse as visitas cunha programación de antes, durante e despois:
1º- Viron fotos e vídeos dos lugares que visitarían do agora e dos tempos das súas avoas e avós. Localizáronos en Google Maps, en mapas sinxelos e en folletos da Oficina Municipal de Turismo. Acordaron que lugares lles podían gustar máis e onde pararían nas visitas.
2º- Durante as visitas pararon nos lugares acordados e que sinalizaran no mapa. Recolleron o lixo que atoparon en distintos lugares dos percorridos. Fixeron fotos e contemplaron tranquilamente a natureza fixándose na flora e na fauna.
3º- Fixeron actividades na aula con conversas sobre o que viron, o que máis lles gustou, visionando as fotos feitas, xogos, xogos de cartas, fichas recordatorio,... Na biblioteca tamén buscaron información como na actividade previa ás saídas. Atoparon libros feitos no cole sobre Viveiro pero tamén, na zona de adultos, libros editados sobre a vila.
Unha das actividades fundamentais e de concienciación do coidado da contorna foi a recollida de lixo, unha desas saídas foi conxunta con alumnado doutros centros e centrada na recollida de residuos. Co lixo recollido fixéronse actividades baixo o título de PlasticARTE. Tamén despois de contar o conto El museo de tronquito, de Åshild Kanstad Johnsen, e baixo a filosofía Knolling seleccionaron, clasificaron,..., vendo o lixo desde outra perspectiva. Fotografiárono para facer un calendario co que agasallar ás familias no Nadal.
As actividades fundamentais foron:
- Visionado de fotos, postais e vídeos de Youtube, tamén de mapas e folletos recollidos na Oficina de Turismo.
- Buscas en Google Maps e sinalización de lugares especiais nun mapa físico.
- Saídas: ao parque, á praia, á desembocadura do río pasando pola ponte que atravesa a ría. O que vivenciaron e se pararon a ollar foron: a paisaxe da ría desde a ponte, o parque, a praia, o porto pesqueiro de Celeiro desde a praia e tamén o porto deportivo da vila desde a ponte, a vila desde o paseo marítimo, as beiras do río, o muíño de mareas, o observatorio de paxaros e a vida nas mariñas, a ponte do ferrocarril e o monte San Roque desde o río, a horta ecolóxica mancomunada preto do cole, o cole desde a horta, o monte San Roque desde a horta, o patio propio ou o monte desde o patio.
- Murais de concienciación da necesidade de reciclar e reutilizar.
- Actividades PlasticarARTE e Knolling: murais, fotografías e esculturas.
- Observación dun composteiro na horta ecolóxica.
- Maqueta do río Landro.
- Xogos de cartas coas paisaxes coñecidas.
- Debuxo e creación de historias.
- Posta en funcionamento de novos xogos no patio, facendo este espazo máis dinámico, inclusivo e igualitario.
METODOLOXÍA
A metodoloxía foi activa e participativa basada na aprendizaxe significativa e nas experiencias vividas en primeira persoa. Moitas das actividades previstas estaban programadas para realizar xusto durante o tempo de confinamento pola COVID-19, por iso a este proxecto faltoulle a realización de varias saídas, xogos por rematar, exposicións e charlas para as familias, murais de concienciación,.. e as actividades do programa Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do territorio. Coida do teu. polas que todas as persoas estaban moi ilusionadas. Aínda así, estamos convencidas de que todo este traballo axudará moito ao alumnado do centro na toma de conciencia do espazo que habita, pero tamén de como coidalo.