O HÁBITAT DE MIÑO
Durante o curso 2015-2016 o alumnado de 1º de ESO do CPI Castro Baxoi reflexionou sobre as características que deben ter os hábitats humanos para o desenvolvemento de calquera actividade en condicións óptimas. Analizou, en profundidade e criticamente, as fortalezas e debilidades do seu propio hábitat. Estudou, especialmente, aqueles aspectos que fan de Miño un hábitat singular: a súa situación a carón da costa e preto de cidades e vilas de relevancia, o seu carácter rural mesturado con pequenos núcleos urbanos, as súas variadas actividades económicas (agrícolas, gandeiras, comerciais, industriais, turísticas...), os seus espazos naturais (marismas, praias, ríos...), o seu patrimonio histórico e cultural e os servizos que ofrece. Isto levouno a traballar posteriormente sobre o dereito ao hábitat e a enumerar os aspectos fundamentais que o constitúen, como ter unha vivenda adecuada, infraestruturas de calidade, acceso a servizos, cultura, atención sanitaria, centros de ensino, fontes de enerxía respectuosas co medio ambiente, servizo de depuración de augas e de recollida selectiva de lixo, acceso ás novas tecnoloxías nas empresas e nos fogares ou acceso a espazos de ocio de calidade.
O PROXECTO
Coñecer e valorar o patrimonio natural e histórico de Miño e comparalo con outros foi unha prioridade, polo que o alumnado participou en saídas pola contorna, onde tivo a oportunidade de observar a fauna e a flora das marismas, intervir na conservación da paisaxe, comparar paisaxes de tipoloxía diversa, estudar algunhas das manifestacións arquitectónicas máis antigas de Galicia e mesmo identificar certas carencias do seu hábitat.
Este proxecto permitiu crear, nas titorías do primeiro ciclo da ESO, un clima de traballo colaborativo arredor dun tema que se considerou especialmente importante, non só para que o alumnado analice criticamente o que ten arredor, senón tamén para estimular a súa implicación nas actuacións que contribúen a melloralo.
O proxecto acadou unha dimensión interdisciplinar, contando coa colaboración doutros departamentos pedagóxicos (Ciencias Sociais, Ciencias Naturais, Lingua Galega, Biblioteca...) e asociacións cercanas implicadas no coidado do hábitat. Isto permitiu que o alumnado se achegara á temática desde perspectivas diferentes. A coordinación e o traballo conxunto de profesorado e colaboradores foi fundamental para preparar as tarefas e darlle coherencia ao proxecto. Tamén se conseguiu a interacción entre as tres etapas educativas que conviven no centro, xa que os materiais producidos polo alumnado de Secundaria foron empregados por algunhas mestras de Infantil e Primaria como complemento das súas actividades.
Inicialmente, os obxectivos do proxecto non eran excesivamente ambiciosos, atendendo a que o alumnado de 1º de ESO está nun cambio de etapa educativa que non sempre resulta doado e non se querían facer propostas inabarcables. Porén, a actitude do alumnado foi moi positiva, participando activamente en todas as actividades, así como tamén o fixo o profesorado doutros departamentos ou os membros das organizacións cos que compartiron explicacións ou visitas pola contorna. O traballo desenvolvido foi moi proveitoso e resultou no punto de partida para tratar o tema con máis profundidade no seguinte curso, co mesmo alumnado que pasou a 2º de ESO e que participou novamente con gran entusiasmo.
AS ACTIVIDADES
O proxecto iniciou partindo da unidade didáctica O dereito ao hábitat elaborada pola ONGd Arquitectura Sen Fronteiras e que achegaron ao centro os membros da ONGd Soledad Bugallo e Alberto Fortes durante o curso 2015-2016. Utilizouse o material gráfico anexo para, coas achegas de cada membro do grupo, definir o hábitat humano, identificar os elementos que o constitúen e escribir posteriormente un documento coas primeiras conclusións do reflexionado sobre os aspectos fundamentais do dereito ao hábitat: un tríptico en soporte físico e virtual que fixemos chegar a toda a comunidade escolar.
Continuouse coa análise do hábitat propio, fixándose na súa singularidade, tanto no medio físico coma no socioeconómico e político, e cada persoa representou nun debuxo o aspecto que preferiu. Con este material elaboráronse documentos en soporte físico e virtual: un mural móbil que estivo durante todo o curso a disposición da comunidade escolar no vestíbulo do centro e unha presentación que demos a coñecer a través da web.
No curso 2016-2017 continuouse coa análise dunha parte fundamental do hábitat propio, o colexio, fixándose tanto nas súas fortalezas coma debilidades. Percorreuse o centro facendo fotografías dos diferentes espazos e se fixeron montaxes gráficas para amosar as súas características. Partindo da posta en común e da análise dunha intervención para mellorar o patio feita polo alumnado de 4º de ESO, escolleuse unha zona do colexio que precisaba unha mellora e reflexionouse sobre o tipo de intervención que se podería facer, decidindo finalmente empregar a Acción Poética para crear un espazo máis acolledor. O alumnado elaborou as súas creacións de Acción Poética coa axuda do Departamento de Lingua Galega, recolléndoas nun documento dixital. Transformouse o espazo escollido, limpando e pintando os muros coas novas creacións.
Para seguir analizando as fortalezas e debilidades do seu hábitat, utilizouse material didáctico proporcionado polo Departamento de Lingua Galega - un rueiro de Miño e o xogo de mesa Coñeces ben Miño? -, que fora elaborado por alumnado de 3º de ESO do Programa de Diversificación Curricular do centro no curso 2011-2012.
A lectura compartida da banda deseñada A mansión dos Pampín de Miguelanxo Prado permitiu debater sobre a conservación do patrimonio histórico e as malas e boas prácticas con respecto a este aspecto fundamental do hábitat humano. Tamén preparou ao alumnado para as visitas guiadas fóra do centro, nas que coñeceu e comparou o seu hábitat con outro de gran singularidade e valor, o da península do Barbanza. Esta saída fíxose coa colaboración do Departamento de Xeografía e Historia e de Fernán López, guía de Espazos Naturais de Galiza da empresa Rutas Vivas. Outro día percorreuse o Parque Natural de Corrubedo e o Castro de Baroña e fixéronse actividades en pequenos grupos relacionadas cos espazos que se estaban a visitar para coñecer o seu valor paisaxístico, ecolóxico, cultural e histórico.
Para completar o estudo do seu hábitat (as terras do golfo Ártabro), no curso 2015-2016 visitáronse dous dos seus enclaves máis importantes: a igrexa románica de San Miguel de Breamo e o Castro de Centroña, tamén chamado Castro de Castrelo, situados moi preto do centro. Antón Prego, titor dun dos grupos e presidente da Asociación cultural Ardóbriga, preparou con esmero esta visita para que o alumnado adquira conciencia da necesidade de conservar o seu patrimonio histórico e cultural nas mellores condicións posibles.
Participouse na actividade ecoloxista Custodia de praia, na que, coa guía dos membros do grupo ecoloxista HÁBITAT, o alumnado tivo a oportunidade de reflexionar sobre o importante que é manter en boas condicións o noso hábitat e tamén de observar a flora e fauna da marisma e da praia que está a carón do centro, así como de intervir na súa conservación coa identificación e eliminación de especies invasoras.
Xa en 2º de ESO o alumnado, en grupos de traballo, estudou os elementos identificadores dos distintos hábitats, facendo fincapé nas diferenzas entre o rural e o urbano. Estudáronse en profundidade as características de cada parroquia do Concello de Miño, analizando sobre o plano e comparando coa cidade da Coruña tamén a través da súa representación cartográfica, o cal aportou outra perspectiva enriquecedora.
Para exemplificar diversos tipos de intervencións urbanísticas realizáronse dúas visitas ás cidades de Santiago de Compostela e Pontevedra. A visita á catedral de Santiago permitiu ao alumnado afondar no coñecemento da arte románica. Así mesmo, puido relacionar a construción da catedral coa propia orixe e evolución da cidade. Na visita á cidade de Pontevedra, dentro das actividades propostas polo ProxectoTERRA, o alumnado tivo a oportunidade de descubrir outro tipo de urbanismo.
A METODOLOXÍA
En canto á metodoloxía empregada, tivéronse moi en conta os coñecementos previos do alumnado participante, así como a súa idade, capacidades e intereses. Partiuse desta premisa para facerlle propostas de traballo motivadoras que esixían a súa participación activa. O intercambio de ideas en gran grupo, as reflexións conxuntas en pequeno grupo, a busca de información e a elaboración de documentos individualmente ou por parellas, así como a participación nas actividades propostas polos guías e profesorado das visitas, foron as constantes no desenvolvemento do proxecto ao longo do curso.