Hábitat

Descubre o teu barrio

Centro e lugar
IES Alexandre Bóveda, Vigo
Etapa educativa
2º de ESO, 3º de ESO, 4º de ESO, 1º de Bacharelato
Curso académico
2013-2014 a 2019-2020
Persoa coordinadora
Ana María Álvarez Paz, Eduardo Rodríguez Saiz e Alba María Gómez Álvarez

O BARRIO DE COIA

O instituto Alexandre Bóveda está situado nun polígono de vivendas obreiras construídas nos anos 70 na que foi unha das aldeas periféricas de Vigo. Desde o ano 2009 no instituto desenvolveuse un proxecto pedagóxico, o Roteiro por Coia, que usa a contorna como elemento educativo e transformador. Desde o curso 2013-2014 o instituto participa nas actividades do ProxectoTERRA, podendo viaxar a lugares coma Ferrol e as Fragas do Eume ou ao Courel e a Ribeira Sacra, afondando nos contidos do PAGUS, Arquitectura Contemporánea e Identidade Territorial cos profesores Ana Mª Álvarez e Eduardo Rodríguez.

Co proxecto "Descubre o teu barrio" coordinado pola profesora Alba María Gómez e aproveitando o labor iniciado pola actividade do roteiro, durante o curso 2019-2020 seguiuse traballando co espazo que habita o alumnado para desenvolver a súa capacidade crítica, o gusto po aprender sobre a súa propia contorna e conectar coas súas familias, especialmente coas avoas e avós, que foron os que se trasladaron a vivir nestas barriadas.

A PROPOSTA

O proxecto parte do barrio de Coia, do seu coñecemento, e pretende que o alumnado sexa consciente da responsabilidade da cidadanía na construción e posta en valor do hábitat, dos problemas que xera a ocupación do territorio e de como a arquitectura inflúe na calidade de vida. Traballando cos planos, revisando a historia e a toponimia cos estudos sociolingüísticos e escoitando ás familias e á veciñanza, crearán os seus propios materiais, mapas, dicionarios emocionais, entrevistas; fomentando o gusto por aprender en equipo e enriquecendo as súas vidas.

A metodoloxía foi activa, participativa e interdisciplinar. O traballo organizouse por departamentos. O departamento de Xeografía e Historia organizou a formación e as visitas: os relatorios do historiador Eduardo Rodríguez “A Coia medieval” e da Asociación de mulleres Dorna, que falaron sobre os inicios do barrio de Coia, e as visitas orientadas, o roteiro por Coia e xogo de petanca co club da asociación do barrio.

O alumnado debeu elaborar, por grupos, un caderno de campo. Este caderno recolleu, primeiramente, fotos do barrio de cada un dos membros do grupo e explicacións da importancia desa foto para cadaquén. Posteriormente, cada vez que realizaban unha actividade debían trasladar ao caderno as súas impresións.

Tamén se traballou na elaboración dun mapexo, tras un par de sesións sobre como facelo e a realización do roteiro polo barrio. Elaboráronse iconas para representar as experiencias vividas e traballadas ao longo do proxecto, partindo das actividades realizadas nas aulas e coa veciñanza. En 1º de Bacharelato traballouse co plano de Coia en varias sesións, as primeiras localizando lugares coñecidos e importantes para o alumnado e unha última adicada aos espazos e infraestructuras que gustarían para o barrio. Estaba previsto un mapexo coa veciñanza que quedou suspendido pola pandemia da COVID-19; íanse colocar planos de Coia e preguntar á veciñanza polos espazos significativos.

Finalmente, cando o estado de estado de alarma o permitiu, o alumnado completou o proxecto con entrevistas ás avoas e avós, afondando sobre as orixes do barrio, os modos de vida anteriores e a relación das propias familias e a veciñanza co seu hábitat actual.

A MULTIDISCIPLINARIEDADE

O departamento de Lingua Galega, baixo a coordinación da profesora Celtia Rey Brandón, organizou actividades. Traballouse sobre patrimonio organizando un concurso de fotografía familiar, cos requisitos de ser anteriores a 1970, representar o patrimonio inmaterial galego e ser propiedade da familia. Como traballo sociolingüístico, atendendo aos contidos do currículo relativos a bilingüismo, diglosia, linguas minorizadas etc., analizouse a situación en Vigo centrada no barrio. Por grupos, o alumnado analizou diferentes ámbitos facendo pesquisas polas rúas da contorna: tendas de alimentos, bares e restaurantes, supermercados, cartelaría do concello, tendas de roupa e pintadas da rúa. Posteriormente, na aula realizouse unha exposición oral na que se partillou co resto do alumnado cada análise. As conclusións permitiron ver que o castelán é a lingua maioritaria en case todas as áreas de estudo.

Nas materias de Valores éticos e de Igualdade de Xénero de 2º ESO, a profesora Patricia Figueroa Rodríguez traballou os contidos relacionados coa violencia de xénero. Estaba prevista a charla co alumnado de Priscila Retamozo Ramos, exalumna do centro, graduada en Ciencias Políticas con experiencia en ONU Mulleres-Ecuador no proxecto "Safe Cities" que reflexiona sobre a planificación urbana con criterios de igualdade. Non se chegou a realizar pola alerta sanitaria da COVID-19, pero si se fixeron debates sobre esta cuestión nas clases.

Máis paneis relacionados