A parroquia de Forzáns
Tras recoñecidas experiencias anteriores de estudo do patrimonio cultural e etnográfico no centro, durante o curso 2012-2013 desenvolvéronse na materia de Xeografía e Historia de 3º de ESO os contidos do ProxectoTERRA, xa que se considerou que a sensibilización pola paisaxe era esencial na formación do alumnado.
Estudouse o concepto de Paisaxe e a diferencia entre paisaxe natural e humanizada. Desta última, observáronse as problemáticas medioambientais derivadas e as consecuencias graves que xera no equilibrio paisaxístico. Foi analizado o poboamento, achegando o alumnado á realidade territorial galega e á súa evolución. A teoría complementouse coa visita a Allariz para afondar nas súas políticas de rehabilitación (integración dos elementos naturais no tecido da vila ou a valorización dos elementos patrimoniais) e situala como exemplo de xestión medioambiental íntegra.
Finalmente, durante o terceiro trimestre propúxose unha investigación arredor dunha parroquia concreta do concello, Forzáns, como actividade voluntaria para o programa Axenda 21. Un grupo de alumnas realizou unha reportaxe fotográfica dos elementos abióticos, bióticos e antrópicos da parroquia. Este lugar foi escollido pola súa dimensión reducida, o seu emprazamento estratéxico e a súa proximidade á residencia das alumnas participantes. O resultado foi plasmado nun blog que foi alimentado de contidos ao longo do curso escolar por parte do alumnado e do docente.
A Alameda
No curso seguinte (2013-2014), o proxecto xirou arredor da idea da Alameda de Ponte Caldelas como lugar de encontro. O obxectivo foi estudar este espazo central da vila para avaliar ata que punto seguía a ser un lugar de encontro ou estaba a ser desprazada por outros espazos. Partiuse de que cumpre esa función nos días de feira e durante as festas, pero non se sabía que ocurría no día a día.
O alumnado pescudou en diferentes aspectos deste espazo, con diferentes obxectivos organizados por grupos:
Grupo 1. Averiguar a historia da Alameda de Ponte Caldelas.
Grupo 2. Analizar a arquitectura que delimita este espazo. Achegamento aos exemplos de arquitectura indiana e crítica sobre algún inmoble de elevado volume presente na contorna.
Grupo 3. Analizar a percepción cidadá sobre este espazo. A través de enquisas preguntaron ás familias cal era o seu xuízo sobre os aspectos a coidar e a mudar neste espazo tan céntrico.
Grupo 4. Observar a Alameda nun día de feira. Recoller as testemuñas dos feirantes e da propia veciñanza que acode a este mercado: procedencia, razóns, motivos, grao de satisfacción do espazo de feira...
Grupo 5. Analizar a evolución deste espazo durante as horas e días da semana. Quen acode, cando está baleiro ou que transeúntes hai.
Os diferentes grupos redactaron as súas conclusións e foron publicadas no blog aberto para o proxecto. Despois elaboraron conxuntamente un informe DAFO e elevaron unha carta ao Concello de Ponte Caldelas onde se recolleron os puntos fortes e febles da actual Alameda, así coma aquelas propostas de intervención que mellorarían este espazo.
Sr. D. Perfecto Rodríguez, Alcalde de Ponte Caldelas,:
O alumnado de 3º ESO do IES de Ponte Caldelas está a participar un ano máis no Proxecto Terra. Este proxecto, promovido polo COAG e o Plan Proxecta da Consellería de Educación, propón un tema de estudo sobre o territorio e a paisaxe arquitectónica que nos rodea. Este curso o tema de traballo proposto é o espazo como lugar de encontro. No noso centro entendemos que a Alameda de Ponte Caldelas podería cumprir con esa función, razón pola que decidimos estudala.
Despois dun tempo investigando e recollendo datos, os alumnos e alumnas de 3º da ESO queríamos comunicarlle as conclusións ás que chegamos. A finalidade da nosa investigación era descubrir a importancia que ten na actualidade a alameda como lugar de encontro e indagar posibles alternativas que axuden a potenciar todas as oportunidades deste espazo.
Unha das conclusións máis preocupantes é que a alameda nos últimos tempos converteuse nun lugar de paso máis que de encontro, a pesar de que os veciños seguen a considerala como un lugar de referencia dentro da vila. A xente maior é a que máis a usa, especialmente para pasear durante as mañás. A mocidade é a que menos a transita, xa que prefiren lugares alternativos como o ciber da vila, a beira do río, o parque ou as zonas deportivas.
Pensando nalgunhas opcións que poderían facer da alameda un espazo máis transitado, en especial, pola xente máis nova, cremos que estas pasan por:
- Potenciar a súa utilización no verán, época na que a alameda presenta un aspecto máis atractivo, con organización de exposicións, mostras de arte, actividades infantís...
- Cambiar a disposición do mobiliario urbano (bancos en forma de U) e mesmo introducir un espacio chill-out.
- Por outro lado, hai certas reformas deste espazo que son necesarias :
- O firme, xa que no inverno fanse pozas e resulta moi incómoda a circulación.
- O mobiliario urbano, comentado anteriormente.
- A iluminación. Algunhas persoas enquisadas coinciden en que se fai algo escasa polas noites.
Estas reformas non deberían facerse por unha cuestión estética porque a zona axardinada é a parte máis bonita, pero cunha absoluta inutilidade como espazo de encontro e comunicación. Pensamos que estas propostas poderían ser viables e darían cumprimento a algunhas das necesidades expostas polo veciñanza enquisada.
O cambio e renovación non só debería realizarse na alameda en si. Unha parte da investigación ocupábase dos edificios que se atopan no lugar, o estilo arquitectónico dominante e a renovación urbana realizada e o seu grao de integración na zona. Chegamos a un acordo unánime de que algúns dos edificios precisan dunha rehabilitación urxente. As reformas deben realizarse cun mínimo impacto porque xa hai certos edificios que presentan volumes inadecuados para a zona.
Por último, analizando un pouco a parte comercial e económica cremos que se debería de aproveitar mellor a presenza do mercado, potenciando o comercio de proximidade. É nesta parte onde a alameda triunfa, xa que a feira é clave para o lugar e é a principal función da alameda. Porén, o espazo comeza a quedar pequeno para os postos, sinal de que a feira ten éxito, e precisa unha reordenación que a faga máis atractiva. Tamén a alameda ten éxito como escenario das festas da vila, que lle aportan á Ponte Caldelas un gran poder de atracción co conseguinte revulsivo económico e cultural.
Con esta carta pretendemos contribuír na mellora da alameda e a que se faga algo por recuperar a utilización deste lugar máis aló das feiras e das festas. Estamos ante un espazo representativo da vila e con moita importancia ao longo da historia de Ponte Caldelas.
Se vostede quere pode ollar o traballo completo do grupo poderá achegarse a na ligazón.
Atentamente,
As alumnas e alumnos de 3º da ESO do IES de Ponte Caldelas.