O hábitat das nenas e dos nenos
Durante o curso 2018-2019 o CEIP A Maía comezou un proxecto relacionado co hábitat do seu alumando, baseándose en tres elementos representativos: a casa, a escola e o concello. O traballo partiu da necesidade de dar a coñecer ao alumnado a súa contorna próxima, tanto as súas características como as súas relacións, para así poder acadar unha maior autonomía das crianzas tanto a nivel persoal como no conxunto da comunidade.
Deseñouse esta proposta para poder permitir acadar as competencias básicas esixidas no currículo de Educación Infantil a través dela. Ademais, de forma transversal traballouse a educación en valores, ambiental e viaria.
O proxecto
Nun primeiro lugar, achegouse ao alumnado as súas vivendas para falar dos espazos (habitacións, baño, cociña, salón, faiado, espazo exterior). Despois continuaron analizando o seu camiño escolar a través do concello, o traxecto desde a súa casa ao centro educativo. Nun último lugar, analizaron a escola e o recinto escolar, aínda que esta parte foi condicionada pola suspensión das clases presenciais no mes de marzo de 2020.
O desenvolvemento do proxecto estivo coordinado polas tres mestras das aulas participantes e a mestra de apoio. A metodoloxía foi activa e participativa. En todo momento partiuse dos intereses e motivacións do alumnado e fóronse adaptando as tarefas previstas ao nivel de desenvolvemento das nenas e dos nenos e ás distintas situacións que xurdiron. A proposta tivo un gran acollemento por parte das familias que participaron activamente nas accións propostas.
En cadansúa aula destinouse unha zona específica ao proxecto onde se colocou unha mesa na que se ía organizando e clasificando todo o material relacionado. Os recursos empregados foron de material reciclado (caixas de cartón, papeis reutilizados, revistas, libros cedidos...). A observación a través dos sentidos foi significativa na análise do mundo que rodea ao alumnado.
As actividades
- Lectura e aprendizaxe dun poema de Gloria Fuertes. Como debuxar unha casiña?
- Lectura e interpretación de fotografías reais de distintos tipos de casa: iglú, tipi, palafito, palloza, yurta, chabola, jaima...
- Lectura do conto Casas del mundo da editorial SM.
- Facer construcións cun xogo chamado Bambouchi que consta de tubos flexibles doados de unir mediante conectores de plástico.
- Xogar á busca do tesouro a partir dun mapa da aula.
- Actividade de unir puntos para formar unha casa, para traballar a lóxica matemática.
- A partir de recortes de revistas de distintas tendas do fogar, deseñaron como sería e que obxectos tería o seu cuarto.
- A partir do plano das vivendas aportados polas familias, a modo de asemblea e a través do diálogo, traballáronse as dependencias do fogar e despois completaron os planos da súa casa ideal.
- A partir dunha caixa de cartón cuberta con papel de periódico e pintada con acuarelas, crearon en formato tridimensional a súa casa ou piso.
- Lectura e análise da obra de Paul Klee Castillo y Sol.
Debido á pandemia da COVID-19 houbo unha serie de actividades programadas que non se puideron levar a cabo no centro, pero o alumnado puido continuar con elas desde a casa co apoio do equipo docente a as súas familias. Saliéntanse algunhas delas.
- Facer unha pequena cidade ou vila aproveitando material reciclado (caixas de medicamentos, rolos de papel hixiénico)
- Que vedes dende a vosa ventá? Pedíuselle ao alumnado que mandase fotografías do que vían dende a súa casa e que observasen os cambios durante o tempo de confinamento.
- Facer o percorrido desde as súas vivendas ao centro educativo observando os elementos atopados polo camiño.
- Medir os espazos das súas vivendas empregando a escala humana primeiro (en pasos de crianzas, de nais ou pais), despois con obxectos cotiáns e finalmente coa cintra métrica.