O lugar que habitamos
A actividade relacionada co ProxectoTERRA iniciouse no centro no ano 2012 para dar resposta ás inquedanzas do alumnado sobre coñecer máis de cerca todos os aspectos da súa contorna. Desde o inicio pensouse coma un proxecto interdisciplinar que recollese unha perspectiva histórica, paisaxística, ecolóxica, deportiva e cultural.
Nos primeiros anos a proposta contaba dunha parte teórica onde se formaba o alumnado empregando os materiais dispoñibles do ProxectoTERRA e dunha parte práctica onde os coñecementos adquiridos eran levados á rúa a través de diversas saídas. Unha destas actividades complementarias foi a organización dun roteiro polos edificios do Racionalismo de Ferrol onde o alumnado coñeceu e valorou a arquitectura representativa desta época e tivo a oportunidade de realizar maquetas nun obradoiro na sede do COAG da cidade.
O proxecto continuou medrando e enriquecéndose nos seus contidos. Durante o curso 2014-2015 realizouse unha inmersión territorial e urbanística na comarca de Ferrolterra, visitando e analizando os distintos espazos que a conforman (urbanos, rurais e rurbanos). Como mostra, o alumnado coñeceu en profundide a cidade de Ferrol, a ría e as súas arquitecturas defensivas e portuarias, a vila mariñeira de Cedeira, a serra da Capelada e o Santuario de Santo André de Teixido. Grazas ao intercambio territorial a Quiroga, O Courel e a Ribeira Sacra o alumnado tivo a oportunidade de comparar unha paisaxe de rías e cantís pronunciados, vilas mariñeiras e cidade industrial cunha zona de interior, de montaña habitada en pequenos núcleos. Sinaláronse as diferenzas no xeito de vida, infraestruturas, poboación, tipo de alimentación, tradicións ou festas. Durante esta visita realizaron un tecido con técnicas de artesanía tradicional presentado nesta mostra. As conclusións extraídas sinalaron a importancia de preservar a enorme riqueza da nosa comunidade.
No curso 2015-2016 incorporáronse ao proxecto os novos recursos sobre Identidade Territorial e Paisaxe e o profesorado implicado asistiu ás xornadas formativas para coñecer o potencial dos mesmos. Desde este novo punto de partida, o alumnado estudou as distintas paisaxes galegas facendo especial fincapé no seu concello, Narón.
Entre outras accións, desenvolvéronse unha serie de visitas polas parroquias do concello para coñecer fisicamente os lugares investigados previamente na aula. Realizáronse fotografías, entrevistas coa veciñanza, consulta de cartografía, busca de información, interpretación plástica de imaxes... Ademais, retomouse a idea das saídas exteriores para relacionar áreas paisaxísticas diferentes participando no intercambio territorial de Guimarães e organizando outra saída á cidade de Lugo. Este traballo culminou coa elaboración do vídeo Galicia e norte de Portugal, unha cultura común por parte do alumnado que recollía todas as aprendizaxes adquiridas.
Tras o éxito desta edición, ao ano seguinte continouse coa mesma dinámica, afondando na realidade da contorna de Narón nas diferentes materias e intercambiando saídas co norte de Portugal; nesta ocasión, á cidade de Porto. Realizouse unha homenaxe a João Afonso a través do deseño e montaxe do videoclip O carteiro em bicicleta protagonizado polo Coro Solidarium do propio centro.
As diferentes etapas do proxecto O espazo que habitamos quedaron plasmadas na publicación dun blog actualizado nos sucesivos cursos escolares.
A mansión dos Pampín
Na traxectoria do centro cómpre sinalar o interesante traballo desenvolvido ao redor da banda deseñada A mansión dos Pampín do ilustrador e escritor galego Miguel Anxo Prado.
Nunha primeira etapa comezouse coa lectura dramatizada do libro por parte do alumnado, xa que considerouse que a dramatización da obra contribuía a unha mellor comprensión da súa mensaxe. O texto foi compartido coas familias para buscar na comarca exemplos semellantes derivados da especulación, a burbulla inmobiliaria, a mala planificación urbanística, etc.
No curso 2017-2018 comezou unha proposta máis ambiciosa, a de levar ao “cine”, a historia dos Pampín. O alumnado converteuse no protagonista tanto diante como detrás das cámaras, e tras a adaptación do guión, a rodaxe, a montaxe e a gravación, a día de hoxe dispoñemos da curta na canle de Youtube do centro. O Concello de Narón colaborou na cesión dos espazos municipais para realizar a gravación.
Para complementar o material audiovisual, elaborouse a portada do libro en gran formato mediante un mural colaborativo pintado en témpera.
Creando espazos vivos
Tras varios anos investigando sobre a contorna, o centro decidiu dar un novo paso no seu proxecto e, ademais de incidir no estudo das zonas urbanas e rurais de Narón, comezou unha análise para detectar carencias e ofrecer propostas de mellora dos espazos a carón do instituto.
Buscouse poñer en valor as zonas verdes coas que conta o concello para aprender a respectar o medio e reducir o impacto medioambiental. Para concienciar ao alumnado comezouse co estudo no centro escolar a través dun proxecto de son e contaminación acústica.
O obxectivo final foi transformar o recreo nun lugar acccesible e acolledor para todas as persoas, no que todo o alumnado puidese participar, logrando así un sentimento de pertenza. Tratouse de conseguir un clima de ocio lúdico e gozoso a través de numerosas actividades das que se saliéntan as máis significativas.
Unha das alternativas propostas para o tempo de lecer foi a creación do Club de Lectura Sapere aude polo Departamento de Latín. O alumnado reuníase en recreos alternos para crear un espazo de lectura, expresión e comunicación oral nun ambiente tranquilo como a biblioteca. Con esta iniciativa pretendíase que as rapazas e rapaces adquirisen hábitos de fala en voz baixa para diminuír o nivel de ruído.
Os departamentos de Física e Química, Tecnoloxía e Lingua Galega traballaron na realización do estudo de contaminación acústica. Ao rematar as medicións fíxose o baleirado de datos nunha folla de cálculo, construíronse as gráficas correspondentes, elaboráronse as conclusións e expuxéronse no vestíbulo do centro.
Ademais, durante a Semana Verde o alumnado de 1º de Bacharelato realizou actividades de laboratorio e obradoiros con experimentos de son. Tamén o Departametno de Matemáticas organizou no proxecto Recreos Dinámicos a preparación do Rally Matemático.
Desde a materia de Música o alumnado construíu diversos instrumentos con materias de refugallo, principalmente, instrumentos de son agradable e relaxante (axóuxeres, maracas, paus de chuvia, campás de vento, frautas de pan, etc.). A través da voz trataron de concienciar da importancia de respectar os silencios e os espazos compartidos. Destacaron a importancia dun decálogo de boas práticas sonoras.
Desde o Departamento de Lingua Galega, o alumnado preparou un traballo relacionado co autor ao que se adicou o Día das Letras Galegas, Antonio Fraguas. Este traballo consistiu en entrevistar a persoas maiores da súa contorna para informarse dos xogos da súa infancia; realizar unha presentación que despois foi exposta na entrada do centro e mesmo construíron algún deses xogos, como a billarda. Nunha xornada festiva o alumnado puxo en práctica estes xogos no patio.