O lugar onde vivimos: o noso centro
O IES Aquis Celenis ten unha longa traxectoria de participación no ProxectoTERRA. Durante este tempo foron desenvolvendo diferentes contidos, proxectos e accións, habitualmente co alumnado de 3º de ESO involucrando a profesorado de diferentes materias e departamentos.
Proxecto TERRAquis
Procurouse unha metodoloxía na que o alumnado, a través de ferramentas TIC e en contacto coa contorna, reflexionase e mudase a súa relación con respecto a esta. Foron realizadas numerosas actividades das que se amosan:
Sentindo o centro. Durante cuestionarios previos o alumnado foi detectada unha sensación de perda á hora de reflexionar como sinten o centro. Este foi o motivo de levar á práctica unha experiencia sensorial. O alumnado púxose na pel de persoas con diversidade funcional (con limitación de mobilidade ou deficiencia sensorial) para reflexionar e entender as carencias do centro e o seu potencial de mellora. En base ás conclusión extraídas, deseñáronse propostas para facer dos espazos lugares máis agradables: pintar a fachada de xeito personalizado, debuxar no patio zonas de xogos ou zonificar os espazos do exterior.
Caderno de Identidade Territorial sobre Caldas de Reis e a súa contorna. Identificáronse algúns dos elementos básicos que conforman actualmente o territorio de Galicia, comprendéronse as orixes históricas, relacionáronse os elementos que configuran o territorio e os cambios que producen, reflexionouse sobre a importancia do ordenamento racional do territorio para evitar a súa degradación e preservar os recursos dispoñibles para o futuro, etc.
Investigando augas termais e balnearios. Este traballo foi desenvolvido no ámbito científico-matemático e no sociolingüístico de PMAR para contribuír a poñer en valor o patrimonio construído herdado. O alumnado desenvolveu unha tarefa de investigación centrándose nos balnearios de Caldas de Reis, Cuntis e Caldas de Taipas en Guimarães aproveitando a viaxe concedida a esa localidade. Realizáronse entrevistas, grabacións quedando recollidas dixitalmente.
Mapa sonoro e lapis fronte á camara. Neste traballo interdisciplinar entre Música e Educación Plástica e Visual realizáronse grabacións de distintos lugares do centro e a contorna de Caldas que provocaron no alumnado diferentes emocións. Esta recollida de sons e a súa edición serviu para crear unha montaxe audiovisual. O traballo estivo inspirado na obra do pintor belga Benjamin Haines. Realizouse unha análise da contorna próxima por medio da fotografía e sons, co gallo de enfrontala ao seu mundo interior por medio de debuxos. O alumnado fotografou o seu contexto (centro escolar, aulas, ruta escolar, paisaxe próxima a súa vivenda) e por medio dos seus debuxos incorporarou imaxes con espírito crítico ou humorístico, coa fin de confrontar a súa propia obra.
Proxecto TERRAquis no patio
Durante o curso 2018-2019 elaborouse unha proposta de transformación do patio escolar do centro.
Na proposta implicáronse un considerable número de docentes de diferentes disciplinas que impartían materia no curso de 3º de ESO e, ademais, abriuse o proceso ao alumnado para consensuar con elas e eles as necesidades e respostas. O equipo docente asistiu á formación específica sobre patios organizada polo ProxectoTERRA e contou co asesoramento de Begoña Paz, especialista na materia.
Para comezar o deseño do patio traballouse cos planos do centro delimitando as zonas existentes.A través de cuestionarios coñecéronse as necesidades e suxestións do alumnado coa fin de abordar unha transformación para un patio máis inclusivo. Pese as dificultades económicas observadas, conseguíronse materializar algúns cambios que foron plasmados en maquetas realizadas tamén polo alumnado. As accións a acometer foron as seguintes:
- Reflexionar na aula sobre o significado do patio e concienciar sobre a necesidade de patios integradores a través de diferentes artigos.
- Crear unha nova zona de de xogos tradicionais.
- Repensar as pistas deportivas. Aportar novas ideas sobre o seu uso, resituar o emprazamento, modificar a orientación.
- Realización de croquis e maquetas sobre o espazo deportivo.
- Conseguir un equilibrio entre as zonas tranquilas, semiactivas e activas.
- Crear unha zona de gradas. Esta parte tivo que ser adiada a espera de conseguir os recursos económicos.