A exposición

Idea

O ProxectoTERRA é un proxecto de cooperación co mundo da educación dirixido ás distintas etapas da Educación Obrigatoria co fin de contribuír a mellorar a formación que a poboación escolar de Galicia debe ter sobre as xentes, os espazos e os lugares que habitamos. Unha formación que redunde nun incremento da súa capacidade crítica e propositiva sobre o noso medio construído para acadar unhas mellores condicións de vida. Temos un firme compromiso coa idea de elaborar recursos educativos xurdidos da implicación e mediación do profesorado de cada un dos niveis educativos, confiando en poder incidir de forma permanente nos procesos de ensino-aprendizaxe, axudando a acadar os obxectivos que sobre o coñecemento e interacción co noso hábitat deben contemplarse nas distintas etapas da Educación de 0 a 18 años.

24-imagenes-img.jpg

Principios básicos

Son espazo e tempo coordenadas básicas nas que desenvolvemos as nosas vidas e constitúen un referente inescusable para ir construíndo a nosa noción da realidade. É o noso obxectivo promover un pensamento crítico sobre os espazos que habitamos, sobre os seus procesos de xénese e transformación ao longo do tempo, sobre a tradición herdada da que debemos aprender ou cuestionar e sobre as prácticas arquitectónicas e de ocupación do territorio que se deben emular ou evitar para estar en mellores condicións de propoñer e desexar os nosos espazos a habitar. Cómpre que o alumnado adquira unha progresiva autonomía que lles permita xestionar con sabedoría e responsabilidade as súas interaccións co territorio, como escenario e soporte da nosa existencia, o noso ámbito de vida.

23-imagenes-img.jpg

Vinte anos de ProxectoTERRA

O inmenso traballo feito desde o ProxectoTERRA fora ben documentado e visibilizado na exposición itinerante para a conmemoración dos quince anos. Naquela ocasión, achegouse á veciñanza das principais cidades de Galicia os contidos, recursos e posibilidades que o ProxectoTERRA facilitaba e continúa a facilitar aos centros educativos. Resultou ser unha exposición viva, na rúa, que permitía a interacción con crianzas e maiores e que foi mudando o seu escenario ao longo do verán do ano 2016. Enfrontámonos ao reto de celebrar os vinte anos de vida do proxecto plenamente conscientes do legado de Xosé Manuel Rosales Noves, alma e motor indiscutible do ProxectoTERRA, coa responsabilidade de coidar e proseguir o seu traballo. Pouco despois de bosquexar as primeiras ideas para esta exposición, o noso contexto mudou considerablemente pola crítica situación de crise sanitaria que aínda hoxe nos mantén alerta. As graves consecuencias derivadas en todas as esferas da vida puxeron aínda máis en evidencia a interdependencia entre as persoas, os territorios e o planeta. A concienciación e o esforzo colectivo por mellorar o escenario das futuras xeracións debe aumentar e consideramos esencial continuar aportando o noso graíño de area á consecución do dereito ao hábitat desde o ámbito educativo. Malia que sempre estivo no noso imaxinario relatar nesta mostra o traballo realizado por parte das comunidades escolares ao abeiro do
ProxectoTERRA, tras a sindemia, co enorme esforzo esixido ao profesorado e as complicadas circunstancias do alumnado e as súas familias, cobrou máis sentido traelo á luz. Buscamos narrar, dar voz e poñer en valor tantas iniciativas de calidade e rigor emprendidas durante estes anos. Pese a que non poidan estar todas presentes, sirva esta mostra como unha homenaxe colectiva.

22-imagenes-img.jpg

A exposición

Nun momento de velocidade e inmediatez no consumo de información, decidimos apostar por un contido formado na súa maior parte por textos que nos devolvan a calma e permitan a análise por medio da súa lectura. A presentación de todos os elementos que conforman esta exposición, nada en tempos de pandemia, pretende acoller a visita de persoas de todas as idades e convidalas a tomar parte dun percorrido que as guíe polas diferentes seccións, interactuando coas mesmas a través do espazo propio. Por iso, as tres dimensións materialízanse no percorrido marcado no chan que adaptan esta mostra ás medidas de seguridade requiridas pola situación sanitaria, ao tempo que amenizan e dotan ao espazo creado de certo dinamismo, pensando especialmente nas visitas dos máis cativos. Esta interacción coas crianzas complétase cando, ao finalizar a visita, poden participar dela aportando a súa voz e deixando a súa pegada na actividade interactiva que se presenta arredor da casiña de madeira, feita para elas e eles. Os contidos que conforman esta exposición son froito dunha labor de recompilación que foi posible grazas á colaboración activa de moitos centros educativos e profesorado que contactou connosco para ofrecernos o material que tiña gardado. Moitas veces exercendo, á súa vez, unha labor propia de recompilación e memoria pola súa parte. Por outra banda, toda a información está contrastada coas memorias arquivadas polo Plan Proxecta, grazas ao cal puidemos ter acceso á documentación desde os inicios do seu programa. A calidade dos contidos mostrados, por seren estes elaborados orixinariamente polo alumnado e profesorado dos centros educativos, responde case exclusivamente a esa orixe.

Por isto, a responsabilidade do equipo de ProxectoTERRA organizador desta exposición limítase á preparación de todos estes materiais, dos que tan só foi modificado o texto para dotar de homoxeneidade á lectura de toda a mostra. Así mesmo, os títulos dos proxectos amosados si foron modificados e creados a partirmos dos contidos recompilados previamente, coa intención de ilustrar a totalidade do proxecto correspondente. Nalgúns casos, estes proxectos son o resumo de varios proxectos elaborados nos centros ao longo de varios cursos escolares, co cal o título escollido pretende dar coherencia a todo o conxunto do traballo desenvolvido. A extensión dos diferentes contidos, recompilados por proxectos elaborados en cada centro é variable. Esta variación responde, case exclusivamente, á relación de cantidade e calidade aos que o equipo de ProxectoTERRA organizador desta exposición puido acceder. As seccións nas que se divide esta mostra derivan, primeiramente, do obxectivo de artellar os contidos que a compoñen, así como de facilitar o seu seguimento. Esta división e organización de todos os contidos recompilados foi susceptible de resultar noutra diferente, pois moitos dos traballos que compoñen a mostra tratan temáticas que encaixan nunha ou noutra sección. Así mesmo, as seccións en si están directamente relacionadas por seren o hábitat, a arquitectura e o urbanismo, ou a paisaxe e o territorio, ámbitos de coñecemento tanxentes e complementarios entre si, dependendo do enfoque que reciban. Á vista de todos estes condicionantes, os proxectos foron incluídos nunha sección ou noutra atendendo á temática xeral tratada, ao enfoque desde o que se interpretaron ou á parte do proxecto que se decidiu, por parte da organización, salientar con respecto ao resto.

21-imagenes-img.jpg

Agradecementos

A Xosé Manuel Rosales Noves por agasallarnos co ProxectoTERRA, urdime de tantas ideas.
Ao profesorado, alumnado e centros educativos, fíos e agullas da paisaxe, por daren sentido a estes vinte anos.
Ao tecido humano de Arquitectura Sen Fronteiras, polo acubillo.
Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
Xunta de Galicia, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.
Fundación Cidade da Cultura.
Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña.
Auditorio Mar de Vigo.

20-imagenes-img.jpg
24-imagenes-img.jpg23-imagenes-img.jpg22-imagenes-img.jpg21-imagenes-img.jpg20-imagenes-img.jpg19-imagenes-img.jpg18-imagenes-img.jpg

Queres coñecer máis a exposición?

Visita a galería