CONTEXTO
O IES Francisco Aguiar conta coa vantaxe de dispoñer, a poucos minutos do Instituto, cun dos Cascos Históricos máis importantes de Galicia (foi declarado Conxunto Histórico- Artístico en 1970). O actual Betanzos nace en 1219 cando a poboación se traslada da súa ubicación inicial na parroquia de San Martiño de Tiobre ao Castro de Untia, un outeiro na confluencia dos ríos Mandeo e Mendo. Durante a Idade Media foi unha escala importante no Camiño Inglés que percorrían os peregrinos a Santiago; isto, unido aos privilexios concedidos por Enrique IV, convertérona na capital dunha das sete provincias do antigo Reino de Galicia. Andando co tempo, converteríase nun importante nó de comunicacións por estrada, ferrocarril e autovía, por ser paso obrigado nos traxectos entre Santiago, Lugo, Ferrol e A Coruña, e como consecuencia, nun núcleo con gran actividade comercial, loxística, administrativa e turística como cabeceira da comarca das Mariñas.
No casco histórico de Betanzos conviven edificios monumentais, pazos e igrexas (algúns dos mellores exemplos do gótico galego), con mostras de arquitectura popular cunha tipoloxía moi específica, aínda que en demasiados casos nun estado de conservación deficiente. Esta circunstancia veu dada, en parte, por unha xestión errada de administración e propietarios.
O PROXECTO
Desde o centro lévase traballando co alumnado de 3º e 4º da ESO desde o curso 2015- 2016, de xeito que o programa se foi asentando e xa forma parte da programación didáctica, abordando o estudo da arquitectura tradicional e contemporánea e relacionando ditos temas coa Identidade e Ordenación Territorial. Grazas á participación no ProxectoTERRA preténdese concienciar ao alumnado sobre o valor do patrimonio construído, especialmente da arquitectura tradicional da que, pese ao seu progresivo deterioro, aínda se poden ver abundantes e destacados exemplos. Por outra banda, trátase de interpretar esta arquitectura no seu contexto xeográfico, ante o reto que lle supón a presenza a poucos quilómetros dunha gran cidade. Isto derivou na redución drástica da capacidade comercial da vila, cambiando a maneira en que a poboación se relaciona co seu contorno, como ocupa o territorio e se move por el, e como configura a paisaxe que a rodea.
No estudo da evolución contemporánea da cidade, o alumnado pode observar tanto a súa expansión no último século como as intervencións realizadas no propio Casco Histórico. Algunhas das rehabilitacións existentes son coidadosas e realizadas cunha linguaxe actual, mais a maioría son restauracións que imitan fachadas e tipoloxías preexistentes con materiais actuais. A efectos de concreción temporal, o estudo céntrase nos últimos cen anos, nas mostras de arquitectura modernista que se conservan, moitas delas ligadas ao legado dos irmáns García Naveira (escolas, lavadeiro, antigo asilo, parque do Pasatempo...), o teórico ‘ensanche’, en realidade un crecemento bastante caótico, e as mostras, poucas, de arquitectura contemporánea de calidade.
O proxecto é resultado, desde o seu inicio, da colaboración entre varios departamentos didácticos, contando a día de hoxe cunha Unidade Didáctica específica na área de Educación Plástica (Deseño do espazo habitado, adicada ao deseño arquitectónico e urbanístico) e na de Ciencias Sociais, en Xeografía Humana. Tampouco sería posible sen a participación da profesora Carmen Suárez Moledo, do departamento de Lingua Galega.
Ano tras ano, o alumnado vai adquirindo conciencia do valor patrimonial que ten un centro histórico e da importancia ecolóxica e de calidade de vida do contorno no que vive, deixando de ver coma "normais" situacións ás que está habituado (xa que a súa experiencia vital redúcese aos últimos quince anos). Tras unha visita anual ao casco histórico co alumnado acompañado polo profesor Julián Ferrer, do departamento de CC. Sociais, nas aulas créanse debates nos que se amosa unha valoración crítica da contorna en temas como a necesidade da rehabilitación de vivendas, regulación de tráfico e necesidade de ordenar o territorio. Entre as barreiras a salvar está a presión que o sistema socioeconómico no que vivimos exerce sobre a xuventude, na potenciación do consumismo e da importancia do poder adquisitivo; isto transfórmase nun límite moi complicado de superar para que se comprenda que unha ordenación urbanística, ás veces, supón unha limitación de liberdades individuais en favor dun beneficio colectivo.
ACTIVIDADES
Son varias as actividades afianzadas ano tras ano. Entre elas podemos destacar o Fotosafari, vinculado ao Día das Letras Galegas, o certame Fotografía en curso no que xa se participa desde o curso 2014-2015 ou o concurso Betanzos en detalle. Trátase de iniciativas derivadas da análise do Casco Histórico nas que, a través da fotografía, o alumnado pode afondar no coñecemento do seu hábitat e na historia e evolución da arquitectura de Betanzos. As imaxes serven de base para o traballo e debate na aula, inventariando os puntos e edificios de interese, espazos libres e construcións tradicionais, valorando os diferentes estados de conservación observados e discutindo sobre a influencia que o estado de conservación deste ámbito urbano produce na percepción da cidade histórica por parte da veciñanza e visitantes, no sentido de como a viven, gozan ou, segundo os casos, mesmo padecen.
Grazas á Unidade Didáctica sobre Dereito ao Hábitat desenvolvida por Arquitectura Sen Fronteiras na que se traballou durante o curso 2015-2016, esta liña incorpórase ao proxecto cada ano. Abórdanse os conceptos de Hábitat e Urbanismo desde un enfoque de dereitos. A partir da premisa "onde vivimos importa", trátase de concienciar ao alumando sobre a idea de que a vivenda é un dereito contemplado na Constitución que debe fundarse sobre o concepto de "vivenda digna" e regularse coas ferramentas do Urbanismo. Loitar, tamén, contra a crenza de que a ordenación urbanística é unha limitación a unha presunta liberdade absoluta de cada quen para construír onde e como desexe. Tamén grazas a esta UD comezouse a traballar coa ferramenta de cartografía colaborativa Crowdmap, que se usou durante os primeiros anos de traballo para a recollida de información a partir das fotografías e formar unha base de datos.
Cada ano, o centro solicita as actividades complementarias ofertadas polo ProxectoTERRA que posibilitan a visita do alumnado a diferentes puntos das xeografía galega e do norte de Portugal. Grazas a esta actividade o alumnado do IES Francisco Aguiar puido viaxar a Guimarães, Porto e á comarca do Courel e a Ribeira Sacra. Estas saídas enmárcanse nos contidos traballados, de xeito que o alumnado pode afondar no estudo do territorio e paisaxe propios a través da comparación con outros. Isto é, o patrimonio histórico de Guimarães e Porto, a Citânia de Briteiros como referencia de ocupación do territorio dende a época romana, a fregesía de Souto São Salvador como exemplo de xestión comunal, a arquitectura de Rem Koolhaas como exemplo de arquitectura contemporánea, ou a arquitectura popular vinculada ao hábitat de montaña do Courel, que constitúe un exemplo vivo de formas de vida ancestrais, para o cal resulta de gran interese a visita ao Museo Etnográfico de Quiroga.
Ludantia
No curso 2016-2017 participouse no programa Ludantia, propoñendo un exercicio práctico na aula sobre intervencións en espazos do Casco Histórico. Este proxecto permitiu incidir na idea de fomentar o coñecemento, valoración e necesidade de conservación do Betanzos histórico a través da posta en valor das súas prazas e espazos públicos, baixo a premisa de que esas intervencións fosen elaboradas cunha linguaxe plástica contemporánea: arquitecturas efímeras, espazos lúdicos, decoracións pictóricas, etc. Inspirado na proposta de Inés Alonso Nogueira, que estivera no centro durante o curso 2014-15 facendo un prácticum do mestrado de Profesorado de Educación Secundaria, propúxose coma exercicio que o alumnado debía desenvolver, o deseño dun refuxio, considerando como tal un ámbito no que se sentisen a gusto coas persoas coas que quixesen compartilo, ou aberto á sociedade. Partindo do espírito de Ludantia, esa idea de "refuxio" non tiña que ser necesariamente un recinto construído, senón que podía tanto ser un lugar onde protexerse do clima, coma un espazo onde acubillarse, unha modificación pictórica dun recuncho urbano ou un deseño que movese á xente a participar activamente e intervir tamén nese hábitat compartido ao que toda a poboación ten dereito, que conforma o espazo público.
A proposta para Ludantia veuse finalmente modificada pola invitación dos arquitectos Mª del Carmen Calatayud e Jose Manuel Vázquez, para que o alumnado participase na decoración dos postes de oito metros incluídos no parque que estaban a construír na área da Cruz Verde. A resposta foi entusiasta e o alumnado colaborou en horario extraescolar.
O 8º Centenario
O exercicio práctico perdurou durante os cursos posteriores a Ludantia e, cada ano, o alumnado agrúpase en equipos para desenvolver unha proposta de intervención ou transformación do espazo urbano no contexto do Conxunto Histórico de Betanzos. Co gallo do oitavo centenario da vila celebrado durante o curso 2018-2019, propúxose un exercicio práctico onde o alumnado debeu desenvolver un pequeno pavillón relacionado co 8º Centenario: podía ser un punto de información e atención turística, un pequeno espazo expositivo, un espazo de lecer para gozo de residentes e visitantes ou calquera outra proposta, sempre baixo a premisa de facilitar un ámbito de relación, que animase á xente a participar e interactuar con el. O ámbito de traballo foi a praza da Constitución, na que coinciden unha notable mostra de arquitectura popular cos edificios máis representativos dos poderes tradicionais: o civil (Concello e Torre municipal), o relixioso (igrexa de Santiago), o aristocrático (pazo de Bendaña, hoxe adicado ás oficinas de Facenda) e o burgués-comercial (Casa Núñez, o que foi o primeiro gran almacén de Betanzos e hoxe sede do Centro Internacional da Estampa Contemporánea).
O 8º centenario da vila aproveitouse para afondar no estudo de varios aspectos: por unha banda, a implantacion no territorio do primitivo núcleo de Betanzos e as razóns que produciron o seu traslado no século XIII, así como as relacións que ao longo destes oito séculos se foron producindo con este territorio; por outra, estudouse a evolución construtiva da nova cidade neste tempo, tanto no relativo á arquitectura tradicional como a que poderiamos chamar "arquitectura culta", acabando no crecemento urbano do último século e os barrios programados. Neste curso incorporouse ao proxecto o Concurso Detalles de 800 anos, convocado polo Concello de Betanzos, a Asociación de Comerciantes e Empresarios e o propio IES Francisco Aguiar: durante seis meses fóronse publicando unha serie de fotografías de detalles arquitectónicos do Casco Histórico que os concursantes debían identificar.
Tamén durante a celebración do 8º centenario da vila, o Concello decidiu facer unha convocatoria extraordinaria da Bienal Balconadas, na que se convida a cantos artistas queiran participara a elaborar pinturas sobre lenzo que durante o mes de agosto se expoñen colgadas nos balcóns do Casco Histórico. Animados pola participación xa no ano anterior e considerando que é outra forma de intervención no espazo público que encaixa perfectamente no espírito do proxecto, o alumnado acolleu favorablemente a idea de participar no certame.
O HÁBITAT PROPIO
Facendo propia a idea de mellorar o hábitat propio e entendendo ao espazo do centro educativo como parte do hábitat do alumnado, xurdiu a idea de modificar un espazo interno do instituto, reivindicando así a idea do dereito ao hábitat. Primeiramente, durante o curso 2017-2018 modificouse o corredor dos laboratorios de Física e Química, identificando as portas dos aseos coas imaxes de Albert Einstein e Marie Curie. Tras comprobar a boa aceptación que tivo esta iniciativa entre o resto da comunidade educativa, personalizouse todo o corredor, repintando as paredes exteriores dos laboratorios e instalando nunha delas unha reprodución da Táboa Periódica dos Elementos. Ao curso seguinte retomouse esta iniciativa intervindo no corredor dos laboratorios de Bioloxía e Xeoloxía, identificando as portas dos aseos coas imaxes de Jane Goodall e Charles Darwin, pintando as paredes exteriores dos laboratorios e dispoñendo nunha delas un conxunto de siluetas representando as diferentes fases da evolución humana.
A modificación dos espazos do instituto está a ser unha experiencia exitosa, ben valorada tanto polo alumnado como polo profesorado, e moi motivadora para as persoas participantes, polo que supón de mellora dos corredores e lugares de paso, así como pola reivindicación dun dereito ao hábitat cotián. No último curso (2019-2020) optouse por completar a humanización do corredor dos laboratorios de Física-Química, instalando un modelo de refracción da luz branca segundo o célebre experimento de Newton (aínda que enseguida se asociou cun álbum do grupo Pink Floyd!).