CONTEXTO
As características propias do IES de Catabois, tanto físicas coma socioculturais, achegan unha multiculturalidade socioeducativa que dá lugar a unha ampla reflexión sobre os xeitos de habitar. A existencia dun alumnado heteroxén eo, nun centro referente de poboación en risco de exclusión social, motivan unha achega significativa á temática do dereito ao hábitat. A coexistencia de xeitos de asentamento moi diferentes na propia contorna, de asentamentos precarios (asentamentos San Pablo e San Xoán) conviven dentro da propia realidade do alumnado. Así, as posibilidades de aprendizaxe para elas e eles ao abordar o estudo do hábitat da súa contorna e onde se asenta o centro educativo son enormes.
ACHEGAMENTOS AO PROXECTO
A primeira aproximación que se fixo desde o centro á labor e vagaxe desenvolta polo ProxectoTERRA foi xa un propio traballo de seu. Neste senso, o achegar diversos aspectos relacionados co hábitat galego, en concreto, e o concepto de Dereito ao hábitat motivou dous aspectos e dimensións de diversa escala. Por unha banda, supuxo achegar o profesorado á noción de Hábitat e Dereito ao hábitat; sucintamente, tratouse de situar o proxecto coma punto de inicio dun proceso de incorporación de conceptos e aspectos vencellados co espazo e os dereitos. Por outra banda, o deseñar e artellar as propias materias e contidos, transversalizándoos con conceptos relacionados co hábitat e aspectos topolóxicos, presentes na meirande parte dos currículos das diferentes materias; así, grazas á equipa de profesorado, o proxecto acadou unha visión multidimensional.
O proxecto tentou introducir unha óptica integral, de modo que achegase unha ollada ao hábitat desde diversas áreas temáticas, distribuídas polas disciplinas e departamentos. A organización procurou que se abordase desde diversos ámbitos, coma son o histórico-xeográfico, tecnolóxico, sociolingüístico ou artístico.
O obxectivo principal do proxecto foi que o alumnado asimilase o concepto da complexidade do hábitat e do dereito ao hábitat, a través da análise de situacións representativas en relación ao hábitat máis próximo de cadaquén, que descubrise a identidade cultural do seu territorio. Artellar procesos herdados e novos xeitos de ocupar as nosas contornas precisan dunha análise, diagnose e reflexión desde diversas disciplinas na procura de que o alumnado mellore o coñecemento sobre os espazos que habita e tome consciencia da implicación e responsabilidade que todos temos na construción e posta en valor destes espazos.
DESENVOLVEMENTO
A primeira achega que se fixo no centro do concepto conlevou a presentar o hábitat coma tema de seu. Realizouse una presentación interna sobre a temática entre o profesorado e analizouse a organización e os conceptos chave enmarcados polo dereito ao hábitat.
Desenvolveuse na aula a unidade didáctica O dereito ao hábitat e motivouse a realización da activiade intermedia de fotografía da unidade didáctica vinculada ao proxecto. Traballouse coa plataforma Crowmap e tívose unha sesión na aula de informática sobre o emprego a nivel xeográfico de ferramentas de xeorreferenciación. O equipo de Arquitectura Sen Fronteiras Galicia visitou o centro para o traballo polo miúdo do dereito ao hábitat e traballaron co alumnado sobre as imaxes que se tiñan previamente densenvolvidas coa unidade didáctica.
Durante o curso 2018-2019 participouse nas Rutas científicas e literarias, programa convocado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional. Realizouse a ruta Murcia y Andalucía (Andalucía Oriental), compartindo a viaxe co IES I Esteban Manuel de Villegas de Najera (A Rioxa) e visitáronse as cidades de Cartaxena, Almería, Granada e Málaga. Desenvolveuse o tema O noso patrimonio cultural como legado do pasado e un recurso para o futuro, considerando a iniciativa da Unión Europea para o ano 2018 como o Ano europeo do patrimonio cultural. Co traballo previo sobre o patrimonio material e inmaterial, cultural, etnográfico, artístico, costumes, localización,etc. de Ferrol e contorna, realizáronse unha serie de presentacións que serviron de intercambio cultural e facilitaron o coñecemento e a interrrelación do alumnado do centro co da Rioxa.
O alumnado puido realizar actividades diversas preparadas desde as diferentes materiais, tentando de abordar os contidos dos currículos correspondentes desde o estudo do hábitat humano. Traballouse cos materiais do ProxectoTERRA sobre paisaxe, arquitectura popular e contemporánea ou identidade territorial desde o ámbito social e preparáronse, con eles, os intercambios territoriais que se fixeron nos dous anos consecutivos a Porto e Guimarães. Así, no curso 2018 - 2019 o alumnado realizou un percorrido pola cidade de Ferrol, identificando e fotografando aspectos negativos como rúas, vivendas, espazos de lecer en situación de deterioro ou ruinoso. Estas fotografías serviron de base para o debate e reflexión sobre a importancia e necesidade de actuar, administracións e cidadanía, na reparación e rehabilitación de moitas zonas e edificios.
Desde o ámbito sociolingüístico traballouse a toponimia da contorna e a relación cos núcleos galegos, analizouse un espazo significativo de xeito descritivo e emocional, fíxose un estudo do rueiro de Ferrol desde a perspectiva de xénero e traballouse vocabulario vinculado co espazo nas diferentes linguas. Os ámbitos científico e tecnolóxico permitiron achegar ao alumnado aos Obxetivos de Desenvolvemento Sostible -ODS-, concretamente á defensa do planeta por medio do obxectivo 13 sobre o estado actual dos ecosistemas, orientándoo de maneira directa ao estado da realidade galega e máis da contorna de Ferrol, e analizando a ría e os espazos naturais, así coma as infraestruturas urbanas. Na materia de matemáticas abordouse a temática a través de estudos estatísticos e sociométricos, achegando ademais problemas de índole social ao cálculo de parámetros matemáticos. Tamén, no curso 2018-2019, o alumnado de 2º de ESO realizou, na materia de tecnoloxía, investigacións sobre “Tipos de Estruturas” e “Como construír unha casa”.
Todas as actividades pódense consultar no blog do IES de Catabois “Queremos facer” coa etiqueta “Proxecto Terra”.
METODOLOXÍA
As metodoloxías foron mixtas e variadas, respectando a autonomía do profesorado e a súa propia perspectiva, amosando as temáticas marco para ver a vinculación directa do hábitat e o dereito o hábitat no currículo propio de cada materia. Planeouse no marco do ProxectoTERRA para abordalo mediante un enfoque de dereitos, artellados desde os ODS para poder vehicular unha achega inicial destes entre o profesorado. Tomouse coma elemento vehicular para analizar os aspectos entorno ao patrimonio que xa de xeito claro e conciso analiza o propio ProxectoTERRA.
Implicouse ao alumnado nas aprendizaxes a través de actividades, de xeito que lle fixeron poñer en práctica os novos contidos, amosándolles así a funcionalidade das aprendizaxes e favorecendo a adquisición destas. Procurouse facer referencia á súa realidade máis próxima e, sempre que foi posible, tratouse de poñelo en contacto con esa realidade para conseguir, dese xeito, un achegamento á mesma e unha mellor comprensión do proceso histórico.