Hábitat

Patios dinámicos

Centro e lugar
CEIP Francisco Vales Villamarín, Betanzos
Etapa educativa
Educación Infantil, Primaria
Curso académico
2019-2020
Persoa coordinadora
María Luisa Martínez Duarte

A PROPOSTA

Na procura da educación integral do alumnado, todas as iniciativas que se propuxeron supuñan o resultado dunha análise previa das necesidades da comunidade educativa, dentro do sistema educativo actual. A magnitude do centro e a diversidade do alumnado co que conta fai que se busque sempre a maneira de integrar, incluír e adaptarse ás necesidades individuais.

No curso 2019-2020 analizáronse as iniciativas que se estaban a levar a cabo durante o horario lectivo e tratouse de dinamizar e organizar a supervisón das actividades e dos espazos nos que se desenvolven, ademais de sumar novas propostas para completar as necesidades do centro.

Os obxectivos propostos consideraban:

  1. Atender á necesidade de espazos de xogo diversos, variados e inclusivos, que respondan ás capacidades e preferencias do alumnado e fomenten a súa participación activa.
  2. Coñecer e analizar cada espazo para aproveitalo ao máximo e adaptalo ás necesidades reais.
  3. Sensibilizar e concienciar a responsabilidade de cadaquén na mellora dos espazos escolares e dos seus usos.
  4. Procurar unha mirada creativa de toda a comunidade escolar, que aporte novas iniciativas, enriquezan o uso dos espazos e melloren o clima de convivencia no centro.
  5. Trasladar esas necesidades e iniciativas á contorna, solicitando ás autoridades correspondentes os espazos e acondicionamentos necesarios para o bo uso da estrutura paisaxística do Concello.

Partindo do contexto do tempo de lecer como un momento diferente á aula, libre, voluntario, improvisado e creativo, traballáronse diferentes iniciativas de elección libre, coas consideracións necesarias para incluír a todo o alumnado. Todas as nenas e nenos teñen o dereito, a capacidade e o desexo de xogar, e as persoas responsables temos a obriga, a capacidade e o desexo de facilitarlles o xogo.

AS ACTIVIDADES

Dentro das actividades do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) o alumnado traballou, leu, escoitou, gozou de curtas, observou ou participou en representacións. No Bibliopatio de Primaria gozou da lectura debaixo dunha grande árbore, sobre un banco e escollendo as lecturas de biblioteca gardadas no baúl de lectura que saíu ao espazo exterior os días de temperatura agradable.

Realizáronse unha gran variedade de actividades, segundo as necesidades e os espazos. No Espazo de Robótica o alumnado de maís idade programou e compartiu cos iguais os proxectos. No Espazo Fedelleiro alumnado iniciouse na construción con pezas articuladas. Na sala de usos múltiples dispúxéronse xogos de mesa. Traballouse no horto e xardín escolar, aprendendo co profesorado acompañante nas diferentes actividades. No pavillón polideportivo, o profesorado de E. Física supervisou o Obradoiro de Xadrez, así coma os Campionatos Deportivos, arbitrados polo propio alumnado. Na aula de música, durante dous recreos á semana organizouse un Obradoiro de Pandeireta. Así mesmo, na sala de usos múltiples desenvolvéronse Concertos de Amigos nos que grupos de alumnado, dirixidos e acompañados por unha mestra de música compartiron coas familias e amigos. No Patio de Cores o alumnado que o precisou traballou con especialistas de Pedagoxía Terapéutica e profesorado titor. Na Aula Multisensorial creáronse dous espazos de relaxació para facilitar á reincorporación á aula do alumnado que así o precisaba. O Espazo de Ioga e Mindfulnes, impartido por unha mestra co seu grupo de titoría foi un éxito e o alumnado puido compartilo coas familias durante a época do confinamento. Leváronse a cabo, tamén, obradoiros de reciclaxe no contexto dos proxectos de Voz Natura, nos que se elaboran xoguetes ou obxectos decorativos a partir de elementos de refugallo.

A METODOLOXÍA

A metodoloxía empregada nas distintas actividades desenvolvidas neste proxecto foi activa e inclusiva, orientouse ao alumnado á participación desde as súas necesidades. Deste xeito, a súa integración é máis doada cando está a participar no que lle resulta máis accesible e agradable.

Máis paneis relacionados